Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.
Entre os seus libros destacan Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (2018), Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (2020) e Unha historia da arte galega (2023)..
No ámbito dos estudos literarios publicou traballos sobre Manuel Antonio, Vicente Risco, Lorenzo Varela, X. Mª Álvarez Blázquez, Manuel Luís Acuña e Ramón Cabanillas. Das súas publicacións en catálogos e comisariados destacan Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano; De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra; Seoane. Razón e compromiso; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950; Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos e Foi un home. Laxeiro en América.
Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.
[Abril, 2024]