Xoán Carlos
García Porral

Nado en Cotarelo (Goiás - Lalín) en setembro de 1974. Fillo de pais labregos, estudou a E.X.B. no Colexio Comarcal de Lalín e o Bacharelato e C.O.U. no Seminario Diocesano de Lugo. Alí, con profesores da talla intelectual e humana de Jaime Delgado e Nicandro Ares, empezou a sentir inquedanza pola historia e a investigación. Tras cursar Teoloxía e Filosofía en Lugo e en Santiago con profesores como Uxío Romero Pose ou Andrés Torres Queiruga, en 1998 licenciouse obtendo, ademais, o grao de Bacharel en Teoloxía pola Universidade Pontifica de Salamanca.

En 1999 empezou a cursar a carreira de Xeografía e Historia na U.N.E.D., e, un ano despois, iniciou na Universidade de Santiago de Compostela os estudos de Terceiro Ciclo no programa de doutoramento de Humanidades dirixido academicamente polo Departamento de Historia Medieval e Moderna, obtendo a suficiencia investigadora vinculada á área de coñecemento de Antropoloxía Social.

No ano 2007, baixo a dirección do profesor e antropólogo Xaquín S. Rodríguez Campos, obtivo o grao de Doutor en Antropoloxía Social cunha tese inscrita no Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da U.S.C. Esta tese foi publicada en 2008 baixo o título Modernización rural e tradición cultural. Nela analízase o proceso de modernización capitalista ao que se veu sometido o sector agropecuario desde a década de 1960, e como na actualidade as comunidades rurais tentan manter a súa identidade social e cultural a través da permanencia dos antigos espazos agropecuarios, da vixencia das celebracións festivas parroquiais, e do mantemento dos topónimos e das lendas tradicionais.

Nos anos 2005 e 2006, guiado pola posta en valor do patrimonio histórico-cultural como elemento imprescindible para o mantemento da identidade individual e comunitaria na actual época de modernidade, realizou un máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural organizado polo Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e a Rede Temática de Patrimonio Histórico e Cultural do C.S.I.C., e polo Departamento de Historia da Arte e o Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe da U.S.C.

Como investigador ten publicados varios artigos de materia histórico-antropolóxica nas revistas A Trabe de Ouro, Lucensia e Descubrindo Deza, así coma no xornal Faro de Vigo, edición do Deza. Arredor desa mesma temática xiran os seus libros publicados.

No ano 2006 coordinou o proxecto de investigación Rodeiro, unha terra con historia, un estudo xeográfico, histórico e patrimonial sobre o Concello de Rodeiro no que participaron trece persoas procedentes de diferentes ámbitos investigadores. Este traballo foi publicado pola Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2008.

Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu equipo de dinamización da lingua galega, impulsou o proxecto A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego no curso 2014-2015. No 2015, dito traballo foi publicado baixo o título A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda.

Leva impartidas unha trintena de charlas sobre os cambios sociais no rural e o patrimonio material e inmaterial castrexo en colexios, institutos, centros de formación do profesorado e congresos. Froito desta labor, en 2015, en coautoría con Celso Fernández Sanmartín e Antonio Presas García, editouse o folleto "Vintedous gramos de ouro" como elemento útil e sinxelo na difusión do patrimonio cultural castrexo.

Como complemento á publicación do seu libro De mouros, mouras e tesouros - A Comarca de Deza, editou en Google Maps un mapa coa xeolocalización e visualización das lendas castrexas de Deza. Este mapa pódese visitar no blogue lendasdamourindadedeza.blogspot.com.

É membro da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO), e colaborador do proxecto de recompilación de toponimia GALICIA NOMEADA (dependente da R.A.G. e da Xunta de Galicia).

[Maio, 2019]