Xesús
Pisón

Nace no Valadouro (Lugo), en 1954. Aos nove anos trasládase para a Coruña. Iníciase no debuxo e na pintura. Aos dezaseis anos ingresa como actor no grupo de teatro xuvenil Os Cans Ceibes, adscrito a Teatro Circo. Nos anos seguintes desenvolve unha variada actividade creadora: exposicións colectivas de pintura, recitais poéticos, publicación de poemas e contos en revistas literarias... En 1980 escribe a súa primeira obra de teatro, que se publica nos Cadernos da Escola Dramática Galega.

Desde esa data, e sen abandonar definitivamente os outros xéneros, vaise centrando na escrita teatral, pola que é coñecido na actualidade.

As súas obras son levadas a escena pola Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane, Teatro do Alvardán, Clube Teatral Elsinor, Uvegá Teatro, 8díasTeatro, Compañía Casahamlet...

Ademais, o autor ten publicados diversos ensaios sobre literatura e mitoloxía, realiza traballos escenográficos, deseños de vestiario, cartaces de espectáculos, e ilustra libros e revistas de teatro.

Polos seus traballos recibiu diversos premios literarios: canto a teatro, salientan o Premio de Teatro da Escola Dramática Galega e o Rafael Dieste da Deputación da Coruña.

[Xullo, 2017]