Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Estudou Filoloxía Románica en Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura Galega en A Coruña, onde tamén impartiu, entre outras, Literatura Universal e Técnicas de Expresión Escrita. Desde 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante. Nas décadas dos setenta e oitenta participou nas actividades dos grupos "A Carón" e "Galga". Foi membro do grupo poético De amor e desamor. Ten colaborado, entre outras, en publicacións como Teima, Man Común, Grial, Nordés, Agalia, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El País, Luzes de Galiza, Gran Enciclopedia Gallega, Microfisuras...
Desde hai anos vén organizando na cidade da Coruña debates, conferencias e tertulias de carácter artístico, literario e cultural, así como participando en cursos literarios, na coordinación de premios literarios e na dirección de obradoiros de poesía e literatura.
En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro Poesía experimental (1978). O seu primeiro poemario individual foi Os bosques encendidos (1981). Logo editaría A caluga do paxaro (1979), Presencias (1985), Iniciación e regreso(1985) co que recibiu o premio Cidade da Coruña en 1982, O Canto da Terra (1987), Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994), Umbral de Vida (1996), premio Esquío de poesía, Don do horizonte (1999) -que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os volumes inéditos A néboa invisíbel e Agra da Brea-, Dársenas do ocaso (2002), 1º premio Caixa Nova de poesía e Premio da Crítica Española, a plaquette “Longas augas” (2003), Vagar de amor e sombra (2004), Para unha luz ausente, premio Espiral Maior de poesía (2006), Do ventre da cóbrega (2008), Raíz e soño (2009, Ed. Trifolium), Espiral de sombras (Kalandraka, 2013) e Threnói (edición bilingüe galego-castelán, Reino de Cordelia, 2016).
En colaboración con Manuel Rivas escribiu en dúas noites, e publicou posteriormente, o poemario Anisia e outras sombras (1981), unha experiencia de escrita a catro mans. Colaborou nas antoloxías poéticas De Amor e Desamor I (1984) e De Amor e Desamor II (1985), así como no volume e CD de aniversario De amor e desamor (2009, Deputación de A Coruña).
Editou no seu día un libro de reflexións e aforismos titulado Arca cotidiana / Irispaxaros (1984), ao que seguiría un novo volume de aforismos: Da rocha imantada (2010, Laiovento). O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados "As quatro estacións", sobre poemas de Seoane, e o libro de artista Irispaxaros, sobre aforismos do autor. En colaboración con Francisco Pillado, editou unha antoloxía de aforistas galegos, titulada Os aforismos do riso futurista (Ed. Xerais, 2016).
Con Manuel Rivas, Antón Baamonde e Lino Braxe, foi fundador e animador da revista e do foro Luzes de Galiza. Ten traballado en proxectos de vídeo: O pintor Luis Seoane, Luis Seoane, escritor e Arquitectura galega actual. Participou como comisario na organización de exposicións relacionadas co mundo das artes ("Leopoldo Nóvoa", "Mundos", "Figuraciós", "Isaac Díaz Pardo", "O cómic galego", "Luís Seoane e o libro galego na Arxentina", "Urbe, Natura, Cosmos", “Alberto Datas”...) e colaborou con textos sobre arte en catálogos de exposicións e libros colectivos. Coordinou o libro de conferencias A cultura e a criatividade galegas cara o ano 2000, e, ademais de ensaios sobre fotógrafos como Vari Caramés e Manuel Vilariño, prologou os volumes A Coruña entre séculos (2000) e Momentos coruñeses (2001).
En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a Escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, Galicia Emigrante. Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Alvaro Cunqueiro, A máxia da palavra (1991), o volume Luís Seoane e o cine (1994), Luís Seoane e o teatro (1996) e Luís Seoane: Textos sobre arte (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega, e, en 1994, Reto ou rendición", análise dos presupostos teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Posteriormente publicou o ensaio A voz dun tempo. Luís Seoane: o criador total (1994), Silverio Rivas (2002, Deputación de Pontevedra), Alberto Datas (2008, Deputación de A Coruña), Manuel Facal (2009, Ed. Dardo). Con Antón Patiño publicou o libro, a modo de ensaio-manifesto sobre as artes e a cultura, Hai suficiente infinito (1999).
Nos últimos anos, dentro dun proxecto de carácter cultural, artístico e humanístico, publicou, sobre o mundo do libro e da lectura, o ensaio Atravesar o espello (2000, Ed. Xerais), que constitúe unha defensa do libro e da lectura; O sol de Homero (2002, Ed. Xerais), que plantexa unha defensa da poesía no mundo contemporáneo, Saudar a vida (2007, Ed. Xerais), unha aposta polas humanidades, en relación coa ciencia e a tecnoloxía, no marco da sociedade actual e Todos somos Ulises (2016, Ed. Xerais), unha defensa dunha educación humanista e democrática.
Na narrativa, editou a novela Ábrelle a porta ao mar (2000, Ed. Espiral Maior), o conto infantil Historia do can que caeu no tinteiro (2007, Ed. El País e Editorial Galaxia), a novela de ámbito infantil-xuvenil Filiberto e Sofonisba (2010, Ed. Tambre-Edelvives) e, inspirada na vida de Rosalía de Castro, a novela A dama da noite (2013¿, Laiovento) que saíu publicada en castelán co título La dama de las sombras (Reino de Cordelia, 2016).
Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental en A Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art.
A súa obra poética –traducida a varios idiomas- foi seleccionada en múltiples antoloxías de poesía galega actual. Entre outras, pódense sinalar: Escolma da poesía galega, 1976-1984 (Sotelo Blanco, 1984), Desde a palabra, doce voces(Sotelo Blanco, 1986), Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria (O Castro, 1988), Poesía Gallega de Hoy (Visor, 1990), Fin de un milenio (Libertarias, 1991), 50 anos de poesía galega (Penta, 1994), Poesía gallega actual (Litoral, 1996), Antologia de poesia galega (Universidade de Campinas, Brasil, 1996), 25 anos de poesía galega: 1975-2000 (Biblioteca Galega 120, 2002), Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram, 2003), Antoloxía poética (1990-2003. Galeuzca)” (2003, en galego, vasco e catalán), Poetas galegos do século XX (Espiral Maior, 2004), Poesía suspensa (Espiral Maior, 2008), Poemas coruñeses (Espiral Maior, 2008), Dix-sept poètes galiciennes” (Universidade A Coruña, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizione dell’ Orso, 2008), El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana (Espiral Maior, 2009), Breogan’s Lighthouse (Ed. Xerais, 2010), Sinfonía atlántica (Antología general de la poesía gallega)” (Eneida, 2012).
Foron editadas en castelán as súas obras poéticas: Dársenas del ocaso (Autoridade portuaria da Coruña, 2009), Espiral de sombras (Olifante, 2016), Para unha luz ausente (Pigmalión, 2016) e a antoloxía poética persoal Elogio de vivir (Linteo, 2016).
[Decembro, 2017]