Xavier
Estévez

Xavier Estévez naceu en Bruxelas no ano 1969, fillo de emigrantes. Na capital de Bélxica pasou os seus primeiros anos ata finalmente regresar coa súa familia a España no ano 1977. Tras estudar EGB en Vigo, faría BUP e COU no Instituto da Guía da mesma cidade. En 1987 comezou os seus estudos de Maxisterio en Pontevedra para rematalos en 1990. Os seguintes doce anos pasaraos dando clase en diferentes escolas públicas de Galicia, ata entrar no ano 2003 no Colexio Divino Salvador (Vigo), onde segue traballando na actualidade dando clase de Primaria.

Dende moi novo sentiu unha grande atracción pola lectura e pola escrita. Os seus primeiros contos datan de cando tiña nove anos e o seu primeiro relato foi publicado (Faro de Vigo) á idade de dezaseis. Precisamente ese mundo infantil-xuvenil vivido polo autor, é o que aparece reflectido nas súas obras. En 2008 publica o seu primeiro libro A lenda do Rei Lobo (Ed. Tambre) e no ano 2010 o segundo, A rapaza da fiestra, na mesma editorial. No ano 2015 publica O corazón da maxia (Ed. Xerais) e Todos os soños (Ed. Tambre), e no 2017 Kibuko (Ed. Santillana) e Avións de papel (Ed. Xerais).

Para un público xuvenil aparece publicada no ano 2019 a obra Aqueles momentos que perdemos (Ed. Santillana). Ese mesmo ano a editorial Xerais publica Os camiños do vento, unha nova historia dos protagonistas de Avións de papel.

En 2021 coordina a publicación de dúas obras, unha en galego e outra en castelán, a prol da ONG viguesa Aulas Abiertas: Soños de Cajamarca e Sueños de Cajamarca. Nelas colaboran algúns dos autores máis representativos da literatura infantil galega e castelán: Antonio García Teijeiro, Pere Tobaruela, An Alfaya, Jordi Sierra, Alfredo Gómez Cerdá, Marinella Terzi...

En 2023 publica a súa última obra polo momento, A memoria dos pingüíns (Ed. Xerais).

Toda a súa obra englóbase na Literatura Infantil e Xuvenil e nela aparecen gran parte das inquedanzas do autor: a historia, a maxia, a propia literatura…

[Xullo, 2023]