Nacín e fun alfabetizado, en español, na Coruña onde rematei o bacharelato. Inmersión espontánea no galego na Mariña nos delongados e intensos veráns da adolescencia. Estudei en Compostela Ciencias Biolóxicas, participando activamente no movemento estudiantil. Marx e Castelao supuxeron a primeira caída do cabalo: o mundo era outro, existía un meu país. Fixen dúas milis, en Monte de la Reina e logo, castigado en Ceuta. Dende 1975, con algún intervalo de ausencia, vivo en Vigo. Algúns oficios manuais e academias conducíronme á bioloxía pesqueira na que traballo dende 1985.
Serodiamente visitei a sombra do meu descoñecido avó paterno na Habana, do materno deprendera de cativo os recendos do forno.
O amor que imaxinara veu visitarme nunha illa. Segunda caída do cabalo: existía unha enerxía que podía con todo ordenando a existencia.
Creo que o mal e os seus danos nos habitan a todos e que unicamente o amor á vida pode salvarnos axudándonos a resistilos. Vivo convencido de que padecemos unha fisura arredados da realidade e non son quen de distinguir entre antropoloxía, filosofía, arte ou ciencia; non son quen de non caer nas trampas do coñecemento.
Teño unha débeda con xente que frecuento e, o máis grave, con xente que descoñezo, vivos e mortos, e non sei moi ben como saldala.
[Maio, 2005]