Xabier
Iglesias

Nacín na Coruña no ano 1967, fillo de emigrante e neto de labregos afincados de vello nas contornas de Palas de Rei e Lugo, superpostas unhas xeracións sobre as outras na casa de Rivas e na de Rei.

Esas son as raíces. Logo as circunstancias fixeron que abrise os ollos ao mundo no barrio coruñés de Monte Alto, entre a Torre de Hércules e o Campo da Leña, un lugar senlleiro e inserido como un ente estraño no corpo da cidade, parroquia laica rodeada de mar.

Traballo como formador de adultos para unha empresa transnacional desde hai máis de vinte anos e comecei a escribir cando neno porque este era o meu xeito racional de comunicarme.

Ademais dalgunhas esporádicas colaboracións en páxinas de opinión e humor gráfico, din ao prelo varias novelas: as dúas primeiras ambientadas na Galiza medieval dos séculos XII e XV; a terceira, unha historia de amor, nos anos inmediatamente anteriores á guerra do 36.

Desde o ano 2012 administro o blog Os libros de Ánxel Casal coa intención de recuperar a memoria das obras publicadas polas editoriais Lar e Nós, exemplo dun tempo de ilusión e esperanza sen límite para a literatura galega.

[Outubro, 2016]