Xabier Domínguez Pérez nace en Vilar de Barrio, na provincia de Ourense, no ano 1984. Alí estuda a Primaria, e pasa a Secundaría no IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, onde comeza a interesarse pola escrita, participando en varios certames de relato curto.
Nesta etapa de ensino secundario gaña o "III certame de relato curto, Letras Galegas", organizado polo concello de Xinzo de Limia; e resulta finalista no concurso de relato curto “Entre nós, en galego”, na fase provincial en Ourense, organizado pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.
Estuda Maxisterio Musical en Santiago de Compostela entre os anos 2004 e 2007. Adícase ao mundo da educación dende o remate da carreira ata hoxe pasando por diferentes colexios da xeografía galega.
Froito da súa profesión, da inquedanza pola escrita e a teima por aportar o seu gran de area á educación dos máis cativos, nace a atracción pola escrita de literatura infantil e xuvenil. Estréase no mundo do conto infantil ilustrado co relato A Superavoa de Antón (2017) e La Superabuela de Antón (2017), libros editados tanto en galego coma en castelán (Ed. Meu Rei) dos que é coautor xunto con Alba De Evan Freijedo.
Criado á sombra da Serra de San Mamede, crea xunto coa súa compañeira Alba De Evan a serie de contos con temática medioambiental Naturizo (Ed. Linteo), que transcorre na mesma Serra. Dende o 2017, ano da súa publicación, ata hoxe, saen publicados oito títulos distintos dentro da colección: Unha casa para o inverno, Un agasallo para Naturizo, Un perigo inesperado, Un cheiro picante, O retorno das flores, Un fogar para Marmelo, Onde está Lusco?, e Lazos de amizade.
No ano 2020, continuando no eido do público infantil, publica Fronteiras de papel (Antela Editorial), no que trata a problemática á que se enfrontan os migrantes na súa procura dun futuro mellor.
É un dos membros fundadores de Antela Editorial, adicada á literatura infantil e xuvenil, de recente creación (2020), onde tamén exerce o papel de editor. Antela Editorial ten publicados catro títulos ata o momento: Fronteiras de papel (2020), Soños de Cajamarca, Sueños de Cajamarca e Xa non son malo (estas últimas en 2021).
No mes de maio do ano 2021 ve a luz a súa primeira novela xuvenil, Maxia de Pedra, coa Ed. Xerais, escrita xunto con Alba De Evan, unha historia na que mestura actualidade e fantasía, con elementos históricos da historia antiga de Galicia coma a cultura castrexa.
[Maio, 2021]