Virxilio Rodríguez Vázquez (Vigo, 1978) gaña a 6.ª Edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, coa que é a súa primeira incursión neste xénero, coa obra publicada por Edicións Embora Fóra de rexistro (2022).
A súa obra narrativa anterior céntrase no relato curto, obtendo numerosos recoñecementos entre os que cabe salientar os seguintes: un accésit no XLV Certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo, convocado pola Fundación do Pedrón de Ouro (2019), o primeiro premio nos Premios de poesía e relato curto da Universidade de Vigo (2011), un accésit nos Premios de poesía e relato curto da Universidade de Vigo (2001), un accésit no Premio Ourense de Contos para a Mocidade, convocado pola Casa da Xuventude e pola Agrupación de Libreiros de Ourense (2001), unha mención especial nos Premios de poesía e relato curto da Universidade de Vigo (1997), o primeiro premio de narracións curtas do Premio Manuel Lueiro Rey, convocado polo Concello do Grove (1995), un accésit no Premio Ourense de Contos para a Mocidade (1994).
Recentemente vén de obter o primeiro premio de relato curto no VII Certame Literario Verbas Novas 2023 organizado pola Asociación Cultural S. Vicente de Mañufe.
Ten explorado a poesía, sendo merecedor dun accésit no Premio 2023 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo co poemario “Agora que comezamos a despedirnos”.
Ten colaborado con artigos de prensa en distintos medios xornalísticos, sendo colaborador habitual na revista “Tempos Novos”.
No eido musical, integrou a primeira formación de SonDeSeu, Orquestra Folk de Galicia, nada no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, ETRAD. Participou na gravación do seu primeiro disco, Mar de Vigo (2003).
Fundador e integrante do grupo de música folk, Nao d’Ire, nado en Vigo no ano 1997, co que grava unha maqueta no ano 1998 titulada Intencións e o primeiro disco titulado Formas Diáfanas, durante o ano 2002 nos estudos Casa de Tolos, saíndo ao mercado no ano 2003.
É Profesor Titular de Dereito penal na Universidade de Vigo, na que obtivo o grao de Doutor e da que foi Vicerreitor do campus de Ourense entre os anos 2014 e 2018.
[Setembro, 2023]