Vanessa
Glemsel

Graduada en Estudos de Galego e Español na Universidade de Vigo, posgraduada en Xestión e Planificación Editorial, formouse en xestión cultural, improvisación teatral, técnica vocal, teatro, escritura creativa e creación poética.

Desde hai anos desenvolve propostas a través da spoken word e a poesía escénica, entre as que destacaron Dúas Gamberras e un Micro (A revolución das mulleres floreiro [2016], Hocus Pocus: cousas de meigas [2019], O bo rollo vai rematar [2020]), pezas como Campo de Batalla (2017) de Grupo F, así como os espectáculos en solitario Ensalada Tropical (2021) e Diapasón Desastre (2025).

Interveu,ademais, en múltiples festivais e eventos poéticos nacionais e internacionais: IV Poemagosto-Festival Internacional de Poesía en Allariz, IV Ponme un Poema-Roteiro poético pola vila de Allariz, XX Certame Internacional de Regueifas 2017, IV Encontro de mulleres creando no XI Festival Internacional de Teatro de Ourense 2018, Sacavera Sound-Panorama de Poétiques Anfibies 2018 e 2019, PAN-Encontro e Festival Transfronteiriço de Poesia, Património e Arte de Vanguarda no Meio Rural 2018, Spoken Word Bilbao 2018, Alguén que respira! II Festival de Poesía para Corpo Principal 2019, Mulleres en acción. Violencia Zero 2020, #Por Xela 2021 etc.

Realizou traducións ao galego e adaptacións para a escena de autores como Federico García Lorca ou Saramago, tamén para o audiovisual (Palmira [2017], de Diana Gonçalvez, La mujer invisible [2017], de Noemí Chantada).

Os seus textos están recollidos en proxectos como Artistas (2018) de David Amoedo (Davida), en antoloxías poéticas como Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018) ou Trobeir*s do Século XXI (2019). En canto ás obras individuais, publicou o poemario Sutura coa editora galego-brasileira Urutau (2019). Máis recentemente, en 2025, viu a luz a plaquette Diapasón Desastre, que recolle os textos do espectáculo de poesía escénica homónimo.

Colaborou na organización e produción de diversos eventos culturais vencellados á arte e á cultura, e participou como colaboradora na revista Tempos Novos. A súa experiencia docente abrangue: clases de lingua, cultura e literatura galega como lectora na Universidade de Estremadura, un curso de Escrita e Tradición Literaria Galega na escola de escrita creativa Aliteraclara, e numerosos obradoiros de creación literaria e poética, así como de formación en lingua galega en diversas institucións. No ano 2019 funda, xunto ao artista gráfico Davida, o selo Edicións e Producións Fetiche, onde exerce como editora e que actualmente dirixe. Desde esta plataforma combina a docencia en lingua e literatura co desenvolvemento de servizos lingüísticos e editoriais.

[Decembro, 2025]