Toño
Núñez

Crieime, ata os cinco anos, coa miña avoa-nai Carme nunha pequena aldea (Vilameixide) situada ao pé das montañas dos Ancares e medrei rodeado de natureza e de animais. Despois baixei para a vila (Navia de Suarna, Lugo) para xunto dos meus pais porque había que ir á escola de dona Amalita e de don Mario. Navia é unha pequena, pero fermosa, vila de ribeira atravesada polas augas dun non menos fermoso río (o Navia), río ao que se cingue como anel ao dedo dunha belida dama unha lanzal ponte de inspiración romana, río que flúe sereno ao seu paso porque se sabe gardado pola nobreza maltratada dun medieval castelo; se non a coñecedes, visitádea, paga a pena. Alí, na máis afastada e esquecida Galicia, onde esta se colle da man coas veciñas terras de Asturias e León, aprendín a dicir mai, irmau, pantalois, riu, truita ou trutia, xato, pumar, marroto, runqueiro... Alí descubrín a beleza dun palleiro ben feito, o cantar dos carros cargados de centeo, a tenrura do tacto da la donda dun cordeirín ao pouco de nacer, o arrecendo das mazás no madureiro... e o sabor das cereixas. Alí descubrín, tamén, a engaiolante experiencia da primeira lectura: Genoveva de Bravante. De neno e de rapaz, entre outras moitas cousas, alindei vacas, apañei froita das árbores... botei e arrinquei patacas. Tamén soñei moito esperto, mentres andaba coas vacas había tempo. Soñei con xogar no Real Madrid como Amancio ou con cantar nunha orquestra como Pucho Boedo e, tamén, con casar cunha rubia. Pero, os soños, soños son; xoguei no Iris de Magoi, canto nun coro e casei cunha morena. Cousas da vida, que diría Castelao. Porén, o que nunca puiden imaxinar, nin en soños sequera, é que ía chegar a escribir.

Aos once anos marchei para Lugo (onde resido na actualidade) a estudar e, nunha volta do camiño, foi chegado o día de ler Memorias dun neno labrego, libro no que, en boa parte, descubrín as miñas propias memorias. Entón, naceron en min outras arelas: as arelas de imitar aos mestres das nosas letras: Neira Vilas, Rosalía, Castelao, Fole, Celso E. Ferreiro...

Tiven moitos oficios ocasionais (pastor, labrego, camiñeiro, repartidor de propaganda, camareiro, descargador de camións, pintor de brocha gorda, substituto de carteiro, axudante de albanel, vendimador, carpinteiro de cancelas, canteiro e, por riba de todo, argalleiro) pero, dende hai xa ben anos, cobro nómina de mestre. E diso vivo. Traballo con rapazas e rapaces de 1º e 2º de ESO no IES de Palas de Rei (Lugo), onde imparto a materia de Galego.

Despois da familia e dos amigos, a escrita, cantar, escoitar as orquestras nas verbenas nas noites de verán, camiñar polas praias, polas beiras dos ríos, polos montes, polas fragas e polas brañas; as árbores (sobre todo as do país), a arquitectura rural, imaxinar casas e debuxar os seus planos (á miña maneira) no papel; facer leña e chapuzas de madeira e de pedra (as pendellas e as paredes "á vaiche boa" é o que mellor se me dá); ver carreiras de ciclismo e atletismo na televisión, facerlles parvadas aos meus alumnos e alumnas e engaiolarme sentado diante do mar ou do lume dunha lareira son algunhas das miñas afeccións. Noutro tempo fórono as rapazas e practicar algúns deportes (fútbol, voleibol...) Os animais que máis me gustan son as vacas (especialmente as rubias galegas), as ovellas, as cabras, os burros, os cabalos, os cans de palleiro e as crías de todos eles; tamén me fascinan os corzos, os cervos, as raposas, os esquíos e as perdices; aborrezo as serpes, os sapos e as sapagueiras. Algunhas frustracións: son un condutor moi limitado, engato moi mal ás árbores, téñolles xenreira aos aparellos electrónicos e informáticos... e fobia ás alturas; non sei tocar a guitarra nin o acordeón. Tamén me gustaría ter coñecementos teóricos de música, saber andar ben en bicicleta e ser capaz de lembrar algúns dos feitos máis significativos da miña vida, así como recordar algo das lecturas que teño feitas e das películas que levo vistas; non hai maneira. Mellorar a miña capacidade para as relacións sociais tampouco me viría nada mal.

Aínda que sei moi ben que gardo incontables debilidades e defectos, en conxunto, téñome por boa persoa e procuro guiarme pola seguinte filosofía: "non lle fagas a ninguén o que non che gustaría que che fixesen a ti". E isto implica un mínimo respecto polos demais e polo entorno que nos acolle. Pero tamén sei que son un home e, por iso, seguro que pecarei de incoherente e non procederei en consecuencia en moitas situacións e en moitas das miñas actuacións. Xa que logo, considérome un tipo afortunado, algo raro, moi tímido (a pesares de que mellorei bastante) e moi, moi despistado.

E, por que empecei a escribir?. Teño para min que o non ser capaz de expresar oralmente aquilo que levaba nos meus adentros empuxoume a buscar na escrita unha canle de liberación. Tamén empreguei de mozo a escrita como ferramenta na arte de namorar (ás veces con algún éxito). Isto, unido a unhas pinguiñas de sensibilidade cara a moitas das cousas que me rodean, pode que sexa parte da explicación. Logo, os feitos de traballar e convivir con nenos pequenos e de ter dúas fillas, tamén deberon exercer a súa influencia. De feito, os primeiros contos escribinos para os meus alumnos e alumnas que, xunto coas miñas nenas, fixeron de coelliños de indias nos meus experimentos literarios. Debía ter catorce ou quince anos cando escribín o meu primeiro poema, un poema de amor, claro. E, máis tarde, acadei algunha que outra mención literaria, pouca cousa. Hoxe en día, levo publicados uns cantos contos para nenos pequenos (un deles traducido ao portugués e todo) e un libro moi heteroxéneo e moi especial para min, Navia, nai: un feixe de palabras cheas de sentimento no que falo do meu pobo, da súa xente, do galego naviego e, tamén, dos meus e de min mesmo. En todo este tempo, viron a luz algúns poemas, relatos, artigos de opinión e ata algún traballo didáctico.

[Outubro, 2020]