Tito Pérez Pérez naceu na Coruña en 1983. Aínda que as súas raíces habería que procuralas na aldea lucense do Picato, é no barrio de Monte Alto onde xace a súa identidade.
É Enxeñeiro Técnico Industrial en Electricidade. Como escritor cultiva relato e poesía. En relato foille concedido o IX Certame de Narrativa Rosa Reboredo, o X Premio de Relatos Liceo de Noia, o XXIII Certame Literario de Piñor e o segundo premio no 28º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. Ademais, acadou diversos premios e mencións nos certames Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Terras de Chamoso, Xuventude Crea, E se a Terra Media fose Galicia?, Rosa de Cen Follas e Manuel María de Poesía. Participou en varios números da Revista Atenea do Ateneo Ferrolán e en volumes colectivos como Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto. Conta con tres libros publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz (2016) e O latexar do barrio (2018), ambos os dous de relatos curtos, e O grupo (2021), novela curta.
[Outubro, 2021]