Tamara
Andrés

Tamara Andrés (Combarro, 1992) é Graduada en Tradución e Interpretación. Formouse no Máster en Estudos da Literatura e da Cultura e no Máster para o Profesorado. Traballa como tradutora e revisora de textos literarios mentres desenvolve a tese de doutoramento A tradución privada na poesía galega de autoria feminina a partir de 1980.

No ano 2015 publicou o texto Amentalista, unha homenaxe ao pintor René Magritte, e gañou o Premio de Poesía O Facho con Nenaespiraes; no 2017 saíu do prelo Corpo de Antiochia, autotraducido ao castelán e finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018, e no 2019 publicou os poemarios Irmá paxaro (Cuarto de Inverno), texto finalista do I Premio María Victoria Moreno, e Bosque vermello (Edicións Positivas). É autora, xunto a Marcos Viso, do proxecto 'Cartas ás 12', que deu como froito o sobre viaxeiro Bicos, laranxas e un feixe de pensamentos (2019) e o álbum ilustrado Distancias (Galaxia, 2020). Textos seus foron premiados en diversos certames e publicados en obras colectivas, como nas revistas Dorna e Serie Alfa ou nas antoloxías No seu despregar (2015, Apiario) ou Anthology of Young Galician Poets (2019, Vakxikon).

Desenvolve accións poéticas para distintos espazos, participa en proxectos teatrais e audiovisuais, imparte obradoiros de poesía e de animación lectora, coordina diversos eventos literarios (o ciclo de recitais 'Teñamos a poesía en Paz' da Libraría Paz de Pontevedra ou o ciclo de vermús literarios 'Un ronsel de historias' e o festival poético 'Fala o mar' da ACDeM Armadiña) e codirixe a revista de poesía, xornalismo e ensaio Ligeia.

[Decembro, 2024]