Suso
Díaz

Nacín o 1 de maio de 1971, en Ludeiros (Lobios). Comecei estudos de Filoloxía Hispánica. Dende o ano 1997 son funcionario da Junta de Extremadura.

No ano 2024 lanzo o meu propio selo editorial, Murabellos, no que publico o primeiro título amada Rosalía. No ano 2021 publico dous libros. En decembro, ASULAGADAS, Edicións Positivas, e en agosto, Medulia Editorial publica o libro de poemas nacido á par da tradución de Poeta en Nova York, De Ludeiros a Nova York. En outubro do 2020, a editorial Galaxia publica a miña tradución para o galego de Poeta en Nova York, de Federico García Lorca. En abril deste mesmo ano comezo unha colaboración diaria de poemas coa forma de haiku (HAIKUGA), a que dei en chamar Lingua de versos, no xornal dixital Galicia Confidencial. No ano 2019 publico Pedro, 20 poemas e outros tantos en forma de haiku adicados a meu fillo polo seu vixésimo aniversario en Ediciones Liliputienses, e A utopía que diluíu o vento, 56 poemas adicados ao Couto Mixto en Edicións Positivas. Tamén, en Edicións Positivas, participo con 8 poemas inéditos e unha autopoética no libro colectivo Arrincando marcos 2019. No ano 2018 a Editora Regional de Extremadura, publícame En el vuelo de la memoria. Antología para Ángel Campos Pámpano, con poemas en español, portugués, galego, catalán e francés. No ano 2017 publico en Laiovento O sol dentro da cabeza, 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares. Tamén edito a antoloxía Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía, publicada por Ediciones Liliputienses, con poemas en portugués, español, galego, catalán e euskera. No ano 2016 publico Sofía, en Ediciones Liliputienses. No ano 2015 xunto a Helena Villar Janeiro editamos e coordinamos o libro: 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca. Biblos Clube de Lectores. Nese ano tamén coordino o libro colectivo: 150 Cantares para Rosalía de Castro. Edición dixital. Parte da miña obra publicada atópase en antoloxías en galego e tamén en español.

Xunto á miña compañeira MariPaz diriximos, na radio, o programa de poesía La voz en espiral, en Español, Galego e Portugués. Tamén xunto a MariPaz mantemos o caderno de poetas galegos contemporáneos As escollas electivas.

No ano 2019, a Asociación de Amigos do Couto Mixto recoñeceume como Xuíz Honorario.

Na rede manteño o caderno persoal susodiaz.gal

[Xuño, 2024]