Silvia
Penas

Silvia Penas (Vigo, 1980), poeta, creadora artística e performer.

O seu traballo ten como punto de partida a creación de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía efémera, de incorporar a palabra poética ao corpo a través da voz. Investiga noutros modos de dicir o poema, confiando en que ese “dicir” conteña unha capacidade mobilizadora cara á acción e á reflexión.

É Licenciada en Filoloxía Galega e compaxina o labor docente regrado e non regrado, tanto das materias de Lingua e Literatura coma obradoiros de creación poética e poesía expandida. Colaborou varios anos como docente do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (Concello de Vigo), na área de spoken word, pola súa traxectoria na poesía oral e escénica.

Como poeta foi galardoada en diversos certames como o Premio de Poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes intitulado “Neste bosque”. En 2010 publica en coautoría con Elvira Riveiro o poemario Biografía da multitude, premio Victoriano Taibo 2009. En abril de 2013 publica As uñas crecen, poemario gañador do certame Manuel Lueiro Rey de poesía. En 2015 publica o libro de poemas Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, co que obtivo o Premio de Poesía Avelina Valladares. En 2020 sae á luz Buciños ou modelar ou amor con vento, poemario publicado dentro do Diario de artista. Buciños, editado pola Fundación Xoán Piñeiro. Libro con base na documentación ao redor da vida e obra do escultor Buciños, con banda sonora e videoarte creados por Cintaadhesiva para un espectáculo en directo. No 2021 publica en lingua portuguesa o libro de poemas O resto é céu. Está a piques de saír do prelo coa editoral Galaxia un novo libro da súa autoría titulado Retratos de vodas, partos e funerais.

No terreo do Poetry Slam Gañou o I Slam Poetry Vigo e do I Slam Arousa. Foi seleccionada para participar no Gran Slam Internacional de Barcelona que se celebrou en marzo de 2013 e clasificouse para o Poetry Slam Nacional de Madrid dese mesmo ano. Participou na Residencia Artística do Poetry Slam Portugal do 2018 canda outros/as participantes internacionais.

Durante o 2018 participou na creación da peza teatral Sofía e as Postsocráticas da compañía Inversa Teatro, onde se inclúen textos da súa autoría e é actriz principal.

A inicios do ano 2019 publica o poemario Fronteira Paraíso, que forma parte dun proxecto maior, cun volume sonoro homónimo e espectáculo performativo, musical e de videocreación a cargo da formación Cintaadhesiva, da cal é cocreadora, encargada da parte poética e da creación artística xunto ao músico e videocreador Jesús Andrés Tejada. Esta formación conta con máis de duascentas actuacións na súa traxectoria. Teñen publicados cinco discos ata o de agora. Foron galardoados co premio Estudios Mans (2017), o 4º posto nos Premios Narf, e foron finalistas varios anos consecutivos dos premio Martín Códax da Música na categoría de música electrónica. Tamén foron premiados en distintos festivas os seus videopoemas “The caretaker” e “Derrota programa”.

No terreo da poesía escénica e a performance, ademais de Cintaadhesiva, cabe destacar os seguintes proxectos:

En 2019, presenta no Teatro Principal de Santiago de Compostela Anotacións para un pergamiño portátil, proxecto que lle foi encargado expresamente polo Festival de Poesía Alguén que respira.

A finais de 2020 participa no proxecto Espazo en espera da compañía A Artística, promovido polo MARCO Vigo, como cocreadora da peza-intervención Epoché do futuro xunto a Xavier Bértolo e Diego M. Buceta.

Desafios de alta tensão é unha performance co-creada canda a actriz e artista María Roja e foi presentada en Lisboa no ano 2021, no marco do Colóquio: Estar em casa com Adília Lopes.

No 2022 presenta a peza escénica e poética Uma mulher ainda não parou o mais longo gemido da história do mundo, con textos do premio nobel extraídos do seu libro O ano de 1993 e textos inéditos da autora, creada para o Congreso Internacional José Saramago, organizado pola Cátedra Saramago da Uvigo.

En maio de 2023 presenta na Cidade da Cultura, no marco do Festival Escenas do Cambio a peza de poesía escénica Cortar, refogar, afogar.

Ao longo destes anos ten realizado proxectos escénicos e poéticos colaborativos como membro do Colectivo Límites, tamén coa Orquesta Clásica de Vigo, e con outras entidades e formacións.

Máis información na súa web.

[Xullo de 2023]