Santiago
Prol

Nacín ao pé do Xigante Durmido. Empezaba a caer a folla no outono de 1960. Daquela había moitos rapaces na nosa vila. Tiven unha infancia venturosa cun marco privilexiado. Sempre estabamos na rúa. As escapadas furtivas á Torre, ao río, ás cabanas, aos muiños e ás tobeiras, formaron parte da nosa paisaxe máis acesa. Tamén as mestas nevadas da invernía coa Serra de San Mamede e cos Montes do Rodicio omnipresentes. Nunha analepse espiraliforme rememoramos contos de lobos do avó materno. Tamén as batalliñas del na Arxentina. Sempre a carón do pote e da bilbaína. Malla na eira. Colleita das patatas. Rechouchío de carros. Magosto. Matanza. Carambelo. Cheiro a carbón na forxa. Ferro ardente na zafra. Chumbo fundido. Primeiro Citroên na casa. Tintín na biblioteca. Tour de Francia no bar da Fina. Bonanza nas escaleiras do Toniño. Chegada á Lúa na tasca do Xulio. Todo en branco e negro. Spaguetti westerns no Cine Gayoso. "Oye como va" de Santana pola megafonía. Cucuruchiños de maní no ambigú. Arrecendo a olivas no casino. Cachombas polo Toural abaixo. Festas das Neves. Torneos triangulares. Batallas campais. Veráns abafantes. Piscinas atestadas. Balsas polo río. Rota dos muiños. Guateques na Torre. Casa da Xuventude. Bob Dylan "number one in the world". Bacharelato & COU nos Milagres. Partidos en Balaídos. Celta forever. Agrupación Cultural Os Cabaceiros. Primeiras eleccións democráticas. Mitins na feira. Aula 8 en Medicina. Folgas en Compostela. Iniciación. Retorno. Ourense bretemoso. Escola de Maxisterio. Dyane 6 vermello. Cafés ao tute no Heriberto. Callos no Delmiro. Orfeón Unión Orensana. Amália, Zeca & Coral Poliphónico de Coimbra. Xiras pola Iberia. Tres vinilos. Neruda, Rulfo & García Márquez. Rexurdimento e Nós. Primeiros versos. Cartas ao director. Trauma familiar profundo. Vinicius de Morães e os portentos da Bossa Nova. Guerra das Malvinas. Ella Fitzgerald. Segundo trauma. Fuxida cara adiante. Exilio en Compostela. Novela erótica truncada. Poemas na revista Dorna. Viva Nicaragua libre. Sexenio en dique seco. Viaxes por Europa. Regreso ao tunel intrauterino. Traballo trepidante. Recuperación da máscara do Entroido. Felos en "prime time". Incursións na Nosa Memoria. Homenaxe a Benigno Álvarez. Semanario ANT. Exposición "A mirada de transparencias cordiais". Gómez Gayoso axit-prop. Hitchcock, Fellini, Ava Gardner e o perfil convexo da Otero. Os spots de Martini. Bach, Tchaikovski & Beethoven. Cesaria Évora. Centenario de Quiroga Palacios. Exposición fotográfica sobre o Cardeal de Galiza. Aproximación ao precursor Xosé García Mosquera. Poemario Alga e fungo. Ensaio João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal. Tamén Conversas con Francisco Carballo. Lisboa no coração. Expo-João "O descubridor galego do século XVI". Pregón da Festa Medieval. Biografía Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República. Outrosí Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30. Nobres vencellados ao Castelo de Maceda con Afonso X en nómina. Tamén As caras do Entroido ourensán. Felos de Maceda, enigma ancestral e cosmopolitismo. Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda. Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda (1974-1986). Doce anos de concienciación e de identidade... Varias materias pendentes. Conversas cos amigos. Acougo derradeiro no Medrollo. Maceda como referente universal.

[Xuño de 2021]