Samuel
L. París

Samuel L. París é un escritor e poeta nado en Muros en 1984.

Como escritor publica en 2008 o Manual da destrución no Netlabel A Regueifa e en 2012 Inflamable en Edicións Positivas. Durante todo o 2013 escribe e publica un poemario completo á semana no seu blog. En 2015 publica, baixo demanda, 25 poemarios con textos inéditos e exclusivos escritos integramente a man e que, ademais, entrega persoalmente. En 2020 publica a Internacional de Poesía Anarquista, novamente en Edicións Positivas. En 2023 lanza unha serie de novos poemas enviándoos en postais.

En 2024 publica O único e verdadeiro deus das cousas que están feitos un cristo, novamente con Edicións Positivas. Nese mesmo ano foi seleccionado para a Residencia Literaria da Illa de San Simón. A finais dese ano publica Poemarionova, un caderno de actividades poéticas, con Edicións Positivas.

Ao longo de todos estes anos ten ofrecido numerosos recitais no país e fóra del e participado nos principais festivais e eventos poéticos. Tamén ten colaborado nun bo número de obras colectivas, prensa e medios dixitais.

Formou parte de Francamente Cariño, dupla responsable de podcasts como MBA Mal, Novo Novo Cinema Galego ou GAMESA. Na actualidade dirixe e presenta A Catapulta, en colaboración co Salto Galiza, un programa sobre poesía que se emite mensualmente en directo nas canles de Youtube e Twitch de El Salto e que se pode escoitar en formato podcast.

Foi baixista da Terbutalina desde a súa formación ata 2017, publicando sete traballos discográficos coa banda e actuando en centos de concertos. Durante un ano tamén foi baixista en Thee Blind Crows, cos que publicou tres discos.

[Novembro, 2024]