PAULA CARBALLEIRA CABANA
(Maniños, 1972)
Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Compostela e cun curso de Especialización en Arte Dramática (Teoría e Práctica da Interpretación) na mesma universidade. Como dramaturga, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática do ano 2023, o Premio Follas Novas na categoría de Teatro no ano 2023, o premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil os anos 2006, 2011 e 2018, foi Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural e finalista do Premio ASSITEJ (Sección española da Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude). Ten máis de trinta libros publicados (álbum ilustrado, narrativa, poesía, teatro, ensaio) moitos deles traducidos a varias linguas: inglés, italiano, coreano, turco, alemán, chinés, portugués, catalán, éuscaro... algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude Como narradora oral, foi convidada aos principais festivais e eventos de narración oral nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Encántalle que lle propoñan retos literarios e escénicos.
[Xaneiro, 2024]