Nuria
Vil

Nuria Vilán Prado - Nuria Vil
Santo André de Comesaña (Vigo - 1993)

Non distingo entre ver e mirar.

Resitadora.

Nuria Vil no escénico.

Diversifica os seus intereses nun intento de sosterse como creadora autónoma. O seu traballo artístico, eminentemente oral, envolve a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escrita. Desde 2016, forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro a carón de Vanessa Glemsel. Desde 2018 fai parte da plataforma literaria A Sega. Actualmente traballa como correctore editorial, xestiona un perfil na páxina de mecenado Patreon (onde comparte relatos sonoros) e na canle de YouTube Coidado coa Cadela.

Comparte un proxecto híbrido que avanza paseniño con integrantes que van e veñen entre as que están Olga Martínez (MorlitaM - música electrónica experimental), Iria Silvosa (creadora audiovisual) e Saya Mohamed (DJ)

Simún (Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito. O transfeminismo, o antiespecismo, a conciencia antirracista e a vindicación social vertebran a súa forma de crear e de posicionarse no mundo.

Formouse en lingua e literatura nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela e cocreou as propostas multidisciplinares extintas Sésega con Charles Rapante e Marcia Vázquez (danza, música experimental e improvisación oral) e Grupo F de danza e poesía oral con Eva Comesaña, Marcia Vázquez e Vanessa Glemsel. Fixo parte da Asociación Trabalingua de Normalización Lingüística, da Asociación 85C de Mulleres Artistas e mais da Unión Musical de Coruxo como saxofonista.

Durante a corentena, en compaña dunha veciñanza de artistas e amiga da festa, colaborou na emisión de Radio Travesa, un programa de radio dominical que se emitía desde as xanelas e que recollía a historia da rúa e das vivencias comúns.

Algúns textos recóllense en CDs autoeditados, fanzines e nas antoloxías Así fala Penélope (Chan da Pólvora, 2022), Poesía Galega Novísima (Urutau, 2020), Trobeir*s do Século XXI (Chan da Pólvora, 2019), Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018); a meirande parte deles permanecen orais.

Nos últimos anos leva a poesía resitada aos centros sociais nos que primeiro a escoitou, a bares, institutos e lugares curiosos onde mestura a risa e os versos; formou parte de accións, festivais e eventos diversos dentro e fóra das fronteiras, sempre en galego, entre os que están o 40 Festival de Otoño Pictura Fulgens (Museo Reina Sofía, Madrid, 2022), Festival Versud (Mallorca, 2022), Poemátika (Bilbao, 2022), Festival de Poesía Montuna (Peñamayor, Asturies, 2022), Festival Loro Facu (Miño, 2021 - 2022), Ciclo É un Falar (Numax, Compostela, 2022), o espectáculo Por Xela! coa Banda da Loba (2021), Spoken Word Bilbao (2021), Festival Sacavera Sound de Poétiques Anfibies (Asturies, 2019), Slam Poetry Uvieu - Porto - Madrid (2017, 2018, 2019), Festival Sinsal (2018), Tangaraño Cultural, Festival Fala o Mar, Alguén que Respira, Romaría Feminista de Barbadás, Festival Poemagosto, Roteiro Ponme un Poema, FITO Ourense, Violencia Zero…

[Marzo de 2023]