Son Nones Araújo, mestra vocacional; agora escritora serodia.
Comecei a presentar os meus textos na xubilación e, coma se a variña dunha fada me tocase, os entendidos puxéronos en valor. Estou nesa idade dourada que reivindico o dereito a cumprir os soños pendentes.
A escrita aliméntame as neuronas e regálame saúde e satisfaccións. Ademais de escribir, a Arte, tocar a pandeireta, querer aos meus e escoitar a auga do río pola noite na aldea enchen felizmente o meu retiro dourado.
Nacín en Riós, vivín en Verín até os 13 anos e formei con Lara, Cintia, o meu neto Xián e Fer, o meu compañeiro de vida, a miña familia en Vigo.
Exercín de mestra en distintas especialidades, adquiridas ao longo da carreira docente: Preescolar, Pedagoxía Terapéutica (Educación Especial), Lingua castelá na Segunda Etapa de EXB e, nos 15 derradeiros anos, de novo lingua en secundaria no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Tamén a especialidade en Lingua galega, pero non tiven a oportunidade de impartila como docente, si noutros ámbitos.
Pertenzo ao Ateneo Atlántico, asociación cultural de defensa e orgullo do noso, ao que dedico parte do meu tempo.
RECOÑECEMENTOS
2020
—VIII Concurso de microrrelatos Ribeira Sacra con “A preñez desiguala” (“2º premio, o primeiro foi en castelán)
—Publicación en Relatos de verán en A Voz de Galicia (O regreso, A vendima, O bicho e O curriculum) en diferentes veráns.
—Publicación colectiva de “As tres migracións” en Relatos na rúa de Editorial Elvira.
2021
—XXIII Certame de narración curta ÁNXEL FOLE do concello de LUGO con Imaxes roubadas (Xerais).
—Certame EXERIA co relato “Dúas mozas”.
—Premio Pedrón de Ouro - Modesto Figueiredo con “Paseniño…, a desmemoria”.
2022
—“Un cento de adiviñas para meniños e meniñas”, publicado en abril pola editorial Edelvives en dúas edicións, galego e castelán.
2023
__ I Premio de novela curta ALÉN do Concello de Ares coa novela "A madriña", editada por Hércules Ediciones.
[Setembro, 2023]