Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional vinculouse nomeadamente ao xornalismo, especializándose nos últimos anos en memoria histórica e feminismo.
Ata xullo de 2023 foi técnica de memoria histórica na Deputación de Pontevedra, cargo que asumiu en 2021. Entre ese ano e o 2014 coordinou o proxecto A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Pontevedra, e anteriormente traballou como redactora en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo.
Actualmente é colaboradora habitual do faladoiro radiofónico de Radio Arosa-Cadena SER e do xornal Nós Diario.
En solitario é autora dos libros Matriarcas (2012), Un cesto de mazás (2015), Invisibles. (2017), O escalón de Ulises (2018), A vida incerta (2020) e Rotas (2024).
Foi comisaria e autora dos textos das exposicións itinerantes Sinaladas, a loita das galegas no século XX, (Deputación da Coruña, 2023) e Rexas, mulleres baixo o terror franquista, (Deputación de Pontevedra, 2017). Ademais foi co-comisaria e coautora da exposición Do gris ao violeta (Concello de Pontevedra, 2016).
Como técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra coordinou as xornadas Na loita contra a impunidade celebradas en Pontevedra entre 2019 e 2022, e os seguintes libros sobre memoria, para os que ademais escribiu capítulos:
- O pasado por vir (2021)
- Acorda (2022)
- Desmontando a propaganda franquista (2022)
- O pasado por vir II- Un tempo posible (2023)
Tamén realizou a coordinación e o limiar do libro Corenta mulleres tecendo xuntas do Consello da Cultura Galega así como capítulos nos seguintes libros colectivos:
-Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas (Concello de Pontevedra, 2015)
-Pedaleando por Vilagarcia (O faiado da memoria, 2016)
-Manuel Antonio e máis nós (Hércules edicións, 2019)
-Somos memoria (A.C. 28 de agosto, 2021)
-Gestión feminista del hábitat (Centro de Investigaciones y Estudios sobre Cultura y Sociedad, 2022)
-O fardel da memoria de Conde Corbal (Deputación de Pontevedra, 2023)
- Vigo, 1972 (CC.OO. 2023)
- A música represaliada (Deputación de Pontevedra, 2023)
En 2018 foi a gañadora do premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo. En 2023 gañou o premio da SELIC por un ensaio sobre a estadía de mulleres en Conxo durante a ditadura: Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, presentado baixo o lema Onde habita a tolemia. En marzo de 2024 foi a gañadora do premio Xohana Torres polo ensaio Caídas, Achegamento ao Patronato de Protección a la mujer na Galiza.
[Maio, 2024]