Miriam
Couceiro Castro

Miriam Couceiro Castro neceu na Coruña o 10 de maio de 1985. Trasladouse coa sua familia á vila de Ordes sendo moi pequena e alí estudiou no colexio público Castelao e posteriormente, no I.E.S Nº 1 de Ordes.

Aos 18 anos a autora volve á Coruña, cidade na que reside na actualidade, e estuda a licenciatura en Socioloxía. É precisamente durante estes anos cando comeza a desenvolver actividades no activismo lésbico e feminista da cidade herculina gañando, no 2013, o I Premio de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño co seu traballo O Feminismo en Galiza: Rural e Urbano, e no 2020 o I Premio do Concurso de Microrrelatos do Concello de Sada.

Ao rematar os estudos de Socioloxía realiza un Mestrado para especializarse en Técnicas de Investigación Social e posteriormente o Doutoramento en Equidade e Innovación Educativa, que remata coa defensa, en marzo de 2019, da súa tese sobre A Representación do Feminismo no Pensamento e Práctica da Acción Docente das Profesoras de Secundaria en Galicia.

Da súa tese nace a súa primeira obra publicada, pola Editorial Galaxia en maio de 2020, A Galiza Feminista: Tebras e Alboradas, na cal a escritora achégase a un relato do movemento feminista en Galicia e ás suas fontes de inspiración buscando dar un punto de afecto ao mundo activista, inmerso en grandes desafíos e discusións sobre a axenda a percorrer para lograr a igualdade.

No 2020 a autora publica tamén, dentro do libro colaborativo da Editorial Galaxia, o relato O Poder da Palabra, no cal se achega a un escenario apocalíptico no que a escrita ten a clave da salvación.

Formada da man de Francisco Castro e Clara do Roxo, as súas influencias e referentes á hora de escribir son os poetas de camposanto ou graveyars poets do século XVIII e a literatura de Edgar Allan Poe, Mary Shelley así como o realismo máxico.

[Xuño, 2021]