Medos Romero (As Pontes, 1959). Diplomada en Enfermería pola Universidade de Santiago. Enfermeira. Reside en Valdoviño.
A súa obra poética está conformada polos seguintes libros: Rendéome no tempo (1998), Ámome en por min (1999), O peso da derrota (2000), Lenzo das madrugadas (2003), A seitura dos tristes (2006), O pozo da ferida (2006) e Do corpo e a súa ausencia (2010).
Como narradora publicou dous libros: Dubido se matei a Lena (2000) e O trevo da sorte (2003).
Paticipou igualmente nas seguintes obras colectivas: Narradoras (2000) e Negra Sombra. Intervención contra a marea negra (2003)
A súa poesía foi recollida na Antoloxía de mulleres do século XX (Universidade de San Petersburgo, 2004).
Premio de Poesía Miguel González Garcés en 2006. Colaborou na revista A Xanela e na Festa da Palabra Silenciada.
Revelouse como poeta cando andaba próxima aos corenta anos. De aí que sexa unha das voces máis persoais da poesía galega actual, difícil de encadrar nalgún grupo xeracional ou literario. Defensora de que a literatura estea sempre atravesada pola vida, a súa escrita vai desde a vivencia gozosa ao sufrimento, da ternura á dureza. Catro son os eixes da súa obra: a terra, a muller, a dor e a beleza. Libros, poemas, palabras que configuran as distintas facianas dunha mesma muller, soñadora, reivindicativa, nostálxica, rotunda e comprometida, sempre coa emoción golpeando nas palabras.
[Febreiro, 2011]