María Xosé
Porteiro

María Xosé Porteiro naceu en Madrid, o 25 de maio de 1952, nunha familia galego-asturiana. Con catro anos emigrou a Cuba coa súa nai e o seu pai e alí viviu ata os 14. En 1966 comeza a vivir en Vigo, onde estuda nos Institutos Santo Tomé de Freixeiro e Castelao, e mais na escola de secretariado da Caixa de Aforros. Comezou a traballar aos 18 anos e seguiu os seus estudos ata rematar o Bacharelato superior e COU no Instituto Agra del Orzán de A Coruña, cando xa tiña unha nena e un neno de curtas idades. Posteriormente, licenciouse en Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo.

Participou activamente nos movementos culturais galeguistas dos últimos anos da ditadura. Formou parte do grupo de teatro Esperpento, Teatro Xoven, dirixido por Dorotea Bárcena e Xulio Lago, onde coincidiu con actores como Manuel Prieto (Manquiña) e participou na organización das dúas edicións das Primeira e Segunda Xornadas do Teatro Galego que se celebraron en Vigo no Auditorio -e co patrocinio- da Caixa de Aforros Municipal, en 1972 e 1973. En 1978 e ata 1985, formou parte do equipo que puxo en marcha os Premios da Crítica Galicia, no Círculo Ourensán-Vigués. En 1979 e 1980 impulsa e participa na realización de dous discos LPs, producidos polo cantautor Suso Vaamonde, das que serían as primeiras gravacións de contos infantís galegos, e en galego: Contos galegos para nenos, Volumes I e II, en 1979 e 1980.

En xuño de 2014, foi elixida membro do plenario do Consello da Cultura na quenda de “persoeiros”. Anteriormente formara parte da Comisión de Comunicación en dúas ocasións. Tamén participou na Comisión consultiva de Asuntos Exteriores e desde 2017 foi coordinadora da Comisión de igualdade. En 2018 foi elixida membro da Executiva e en 2019, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos. En xullo 2017, forma parte do grupo de persoas vinculadas a cultura en Vigo que crean o Ateneo Atlántico, no que permanece na directiva até finais de 2018.

A súa actividade profesional vén marcada polo xornalismo cunha forte incidencia na cultura e na escrita en galego desde os seus inicios na década dos 70. Comezou a traballar na radio e na prensa, como colaboradora, a finais dos anos 70, nas emisoras Radio Juventud, na Coruña, e en Vigo na emisora La Voz de Vigo. Nestas emisoras mantivo, desde 1971 ata 1976, xunto con Xosé A. Perozo, un programa cultural chamado “Antes del silencio” que patrocinou a cafetería Montesol, de Vigo, no que se fixeron dúas edicións de senllos premios de poesía en galego e castelán

En 1975, co gallo da conmemoración de los primeiros 25 años de Galaxia, publica con X. A. Perozo unha extensa entrevista con Álvaro Cunqueiro. En 1979 publican unha reportaxe a dobre páxina, sobre Celso Emilio Ferreiro, días despois do seu pasamento, en El País. En 1980, publican unha entrevista en profundidade con Carlos Casares, sobre el Futuro da literatura infantil e xuvenil en galego, en Grial. A partir dos seus comezos na prensa escrita, en 1977, dedicouse, principalmente, á información cultural e realizou numerosas entrevistas a intelectuais de diferentes ámbitos como a plástica, a literatura e o pensamento.

Nos anos 80 comezou a dedicarse profesionalmente ao xornalismo, publicando decote en La Voz de Galicia. Traballou en Radio Popular de Vigo, onde era a única muller na redacción dos equipos informativos. Por temporadas, dirixiu o informativo de mediodía, Jaque a la actualidad, e durante tres anos tivo un espazo propio, A Bisbarra, que foi o primeiro programa diario dedicado á información comarcal nunha emisora de radio galega, e o primeiro programa informativo feito integramente en galego en Galicia. Foi tamén a primeira muller correspondente do xornal El País en Galicia, durante os anos 1982, 1983 e 1984, e a delegada para Pontevedra da revista Tiempo que dirixía o xornalista de orixe viguesa, Pedro Rodríguez.

En La Voz de Galicia mantivo de xeito intermitente, desde os anos 90 até 2019, a columna de opinión Habitación propia, e tivo a sección Corte e Confección no caderno de cultura do mesmo xornal, na etapa en que o dirixiu Xosé Manuel Dapena, onde entrevistou a meirande parte das escritoras e escritores daquel tempo. Ten colaborado tamén coa revista Tempos desde os seus inicios, e foi membro do consello de administración do Xornal Diario, onde tivo unha columna denominada Quinto elemento. Foi membro do padroado do xornal dixital Praza Pública. Escribiu en medios dixitais como Mundiario, Nueva Tribuna, Tribuna Feminista-El Plural, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, e no seu propio Blog: María Xosé Porteiro. Wordpress. En medios escritos colaborou nos últimos anos principalmente en La Voz de Galicia, Revista Tempos Novos, e Revista Luzes, onde ten unha sección de opinión denominada Quinto Elemento, e puntualmente, na versión latina de The Washington Post.

Outra faceta importante na vida de María Xosé Porteiro é a política. Participou do nacemento de Esquerda Galega, a mediados dos anos 80. Foi membro constituínte do Consello Asesor de RTVE-G na primeira lexislatura autonómica, en representación de Esquerda Galega e o Partido Comunista de Galicia. Co PSdeG, foi concelleira en Vigo en dúas ocasións (1987/1991 e 2003/2006), creou a primeira concellería da Muller de Galicia, e unha das tres primeiras do Estado, e a primeira Casa de Acollida para mulleres maltradadas, e o primeiro Centro de información municipal para as mulleres. Foi parlamentaria autonómica galega en dúas lexislaturas (1989/1993 e 1993/1997) e en 1995 participou no Cumio Mundial das mulleres de Beijing, organizado pola ONU. Foi deputada no Congreso español (2004/2008) En todo o seu traballo político tivo atención preferente á cultura e á igualdade. Desde agosto de 2019, é a Adxunta á Valedora do Pobo de Galicia.

Como escritora ten numerosas publicacións que abarcan biografía, ensaio e narrativa que se relacionan deseguido, cronoloxicamente. Desde 1981 até a actualidade, sempre publicou en galego, con traducións puntuais, e ten unha publicación en español.

-VV. AA. Manuel Antonio e mais nós. Homenaxe a Manuel Antonio. Ed. Grupo Hércules Global. 2019.

-Buscando a Clara. Ed. Elvira. Vigo. 2019. Narrativa.

-Sándalo. Ed. Galaxia. Vigo. 1ra e 2da impresións. 2019. Narrativa.

-VV. AA. Mulleres decisivas. Editorial Galicia Sempre. Santiago de Compostela. 2005. Ensaio.

-VV. AA. Literatura de mulleres. Doce ensaios arredor de Virxinia Woolf. Editorial Sotelo Blanco. Santiago de Compostela. 2003. Ensaio.

-VV. AA. Narradio, 56 historias no ar. Libro e CD. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 2003. Narrativa.

-VV. AA. Estratexias turísticas urbanas. Ed. Cámara de Comercio de Pontevedra e Universidad de Vigo. Pontevedra 2002. Ensaio.

-VV. AA. Comunicación Política en Galicia. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago. 2001. 2002. Informes.

-Covardes. Editorial Ir Indo. Vigo. 1ª Edición en galego 2001. 2ª Edición en galego 2002. 1ª Edición en castelán, 2003. Narrativa.

-VV. AA. Informe da comunicación en Galicia. Ed. Consello da Cultura Galega. Santiago. 2000. Ensaio.

-Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas. Ed. Akal. Edición bilingüe. Madrid. 1982. Biografía. Coautor, X. A. Perozo. Celso Emilio por si mesmo-culturagalega.org

-Quen é quen no primeiro Parlamento galego. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 1981. Ensaio. Coautor, X. A. Perozo.

[Febreiro, 2020]