María
Reimóndez

María Reimóndez Meilán naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Edicións Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Edicións Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Premio Frei Martín Sarmiento 2010 e O Monstro das palabras (Xerais 2009) e Pirata (Xerais 2009) para público adulto. A súa última novela é En vías de extinción (Xerais 2012) e é co-autora con Olga Castro do ensaio Feminismos (Xerais 2013), se ben xa en 2010 publicou un capítulo sobre a violencia simbólica contra as escritoras na crítica literaria en Galicia no volume Violencias visibles, violencias invisibles co Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias. (Icaría 2010). Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego . En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.

En 2010 foi escritora convidada na Universidade de Bangor (Gales, Reino Unido) onde impartiu diferentes conferencias sobre tradución, escrita e literatura, ademais de facer unha lectura de Pirata en Londres. Igualmente realizou estadías na Universidade de Stirling e na Universidade de Munic e en 2011 foi unha das escritoras admitidas no programa do Instituto Cervantes de Munic e na casa de escritoras/es Villa Waldberta.

Ademais, Reimóndez completa o seu traballo literario coas colaboracións en prensa nos desaparecidos A Nosa Terra, o Xornal de Galicia, VIEIROS e os existentes Pro-texta ou Sermos Galiza, Tempos novos ou a Festa da Palabra silenciada. Igualmente forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese sobre a interacción do Feminismo, Poscolonialismo e a Traducción.

María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (www.implicadas.org) que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. No terreo María Reimóndez é experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais. Reimóndez é tamén consultora da organización alemá Kinder-Not-Hilfe na aplicación da metodoloxía dos grupos de aforro e o enfoque de xénero, á cal asesora a partir de 2011 no uso desta forma de traballo en Haití tras facer algúns traballos de consultoría en Ruanda. María Reimóndez é tamén fundadora e ata 2009 foi secretaria da ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DA TRADUCCIÓN E DA INTERPRETACIÓN (www.agpti.org).

[Outubro, 2013]

María Reimóndez Meilán naceu en Lugo e é tradutora e intéprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Edicións Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas 2004). Malia a esta incursión recente no panorama literario, María Reimóndez leva escribindo desde que tiña 6 anos, recibiu premios durante a súa mocidade (Rúa Nova, Minerva), é autora de varias obras de teatro e participou en distintos recitais poéticos. Na actualidade colabora con artigos de opinión no xornal A Nosa Terra e a plataforma dixital Vieiros. Igualmente forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese sobre a interacción do Feminismo, Poscolonialismo e a Traducción.

María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. No terreo María Reimóndez é experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais. María Reimóndez é tamén fundadora e secretaria da ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DA TRADUCIÓN E DA INTERPRETACIÓN .

[Fotografía de Paco Vilabarros]

[Abril, 2005]