Nacín na Laracha, en marzo de 1964. E aquí sigo. Medrei detrás do mostrador dunha ferraxería, nunha casa de portas abertas, na que a veciñanza entraba a mercar ou, simplemente, na procura de compaña e de conversa amábel.
De nena, pasei moita fame de libros. Desquiteime de adulta, con verdadeiros festíns de palabras.
O asociacionismo cultural e o ecoloxismo acompáñanme desde a mocidade.
Licencieime en Ciencias Biolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela. E, desde hai trinta e dous anos, a docencia constitúe unha parte fundamental da miña vida. Actualmente exerzo como catedrática de Bioloxía e Xeoloxía no IES Agra de Leborís da Laracha.
A miña relación coa escrita iniciouse nos noventa, coa elaboración de materiais didácticos para o ensino da Bioloxía e da Xeoloxía na ESO e no bacharelato.
Á narrativa cheguei máis tarde. Todo comezou cun libro, un manual de técnica narrativa que atopei nos andeis dunha librería que xa non existe e que me fixo preguntarme se eu sería quen de escribir as historias que me roldaban. Decidín probar. Estudei, formeime e comecei a escribir relatos curtos.
Flores de ferro, a miña primeira novela, naceu froito dunha débeda dobre: a que temos coa xeración das nosas nais e avoas, mulleres dobremente silenciadas por unha ditadura que lles negou todos os dereitos; e a débeda coa xente nova, que merece e precisa coñecer unha historia que é a súa.
[Xuño, 2022]