Palmeira (Ribeira) 1976. Manuel Gago é vilego, da Pobra do Caramiñal. É doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é director de culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. É editor de Capítulo Cero, un dos blogs referentes da rede galega. Colaborador habitual dos principais medios de comunicación do país, mantén na actualidade as columnas "Vermello contra o mar" en La Voz de Galicia e "SeiSentidos" en Táboa Redonda, o suplemento cultural de El Progreso e Diario de Pontevedra.
Gago desempeña traballos creativos en diferentes ámbitos da cultura. Desenvolve produtos dixitais do ámbito cultural desde o ano 1999, sempre vinculados á difusión do patrimonio cultural. Promove e organiza iniciativas de socialización de patrimonio cultural local por toda Galicia. No comisariado de exposicións, Gago dirixiu a exposición Ao pé do Lar, promovida para o Fórum Gastronómico en Santiago e con sede no Museo do Pobo Galego. En 2016-17 comisariou Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, producida polo Consello da Cultura Galega en colaboración con Afundación e exposta en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Como realizador audiovisual, dirixiu o documental As pedras de San Lourenzo, co que obtivo o Premio a Mellor Documental no Festival de Cine Arqueolóxico de Castilla y León 2017.
Como ensaísta, Gago ten participado en libros de análise da comunicación dixital como Sitios. Guía Web de Galicia (Lea, 1999), Sistemas digitales de información (Pearson Prentice Hall, 2006). En 2012 publicou Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora), escrito co arqueólogo Xurxo Ayán. No 2013 editou o libro de narrativa Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, merecente do Premio ao Mellor Libro educativo 2013 pola Asociación Galega de Editores. En 2015, en formato electrónico de Amazon, Platos Rotos. Textos Gastronómicos (2003-2015), unha antoloxía da produción xornalística realizada polo autor. En 2016 foi un dos autores do libro colectivo Historia das Historias de Galicia (Xerais) e publicou a súa primeira novela: O anxo negro (Xerais, 2016).
[Agosto, 2017]