Manuel
Casal Lodeiro (Casdeiro)

Biografía

Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro (Barakaldo, 1970). Escritor, informático, ciberactivista, divulgador e argalleiro de numerosas iniciativas dentro e fóra da Internet. Aprendiz de pai e de labrego.

Como pioneiro da Internet galega, foi fundador do webzine Synapsis e da comunidade virtual Fillos de Galicia, lugar de encontro na Rede para o fomento da identidade e cultura galega entre os descendentes da diáspora galega. A súa obra sobre esta iniciativa, O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes, foi merecedor en 2003 do premio "Galeguidade" de ensaio da Consellaría de Emigración da Xunta de Galicia.

A partir do seu retorno transxeracional a Galiza en 2007, vai virando do activismo cultural pangalaico, ao ecosocial e comeza a súa dedicación ao estudo e divulgación dos factores conducentes ao colapso da civilización industrial e capitalista. Nesta nova xeira, participa na fundación da asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo (2008) e Ames Pospetróleo (2015), no manifesto Derradeira Chamada (2014), e na creación do Instituto Resiliencia, do Centro de Saberes para a Sustentabilidade (RCE-Galicia) e da revista plurilingüe 15/15\15 por unha nova civilización (2015). Foi o coordinador e autor principal da exitosa Guía para o descenso enerxético (2013), posteriormente traducida ao catalán (edición dixital) e ao castelán (Ediciones del Genal, 2019). Tamén coordina desde 2017 o programa semanal de radio Vivirmos nun mundo finito, na emisora municipal do concello de Ames. Converteuse nun dos máis coñecidos defensores do Decrecemento en Galiza.

Aínda que na actualidade é principalmente un autor de ensaio, tamén ten feito incursións noutros terreos como a poesía, a narrativa, a literatura infantil, a banda deseñada, a creación gráfica, a animación, o humor, a tradución, as comunicacións académicas, a net-art e os proxectos multimedia. Ten publicado algúns prólogos para libros alleos, así como numerosos artigos en diversos medios ao longo de toda a súa traxectoria, sobre cuestións tecnolóxicas, políticas, sociais, culturais, ecolóxicas e outras. Publica os seus textos principalmente en galego e castelán, e con moita menos frecuencia en inglés.

Obra


Individual

- 2024: Las verdades incómodas de la Transición Energética. Edita: Icaria.

- 2023: Geopolitical and Personal Nonkilling Choices in Times of Collapse (Global Nonkilling Working Paper #12). Edita: Center for Global Nonkilling.

- 2019: Guía para el descenso energético. Preparando un futuro después del petróleo, tradución actualizada ao castelán de Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo. Editorial: Ediciones del Genal.

- 2018: 3ª edición revisada de Nosotros, los detritívoros. Edita: Queimada.

- 2016: La izquierda ante el colapso de la civilización industrial. Apuntes para un debate urgente, tradución actualizada ao castelán de A Esquerda ante o colapso da civilización industrial. Edita: La Oveja Roja.

- 2015: A Esquerda ante o colapso da civilización industrial. Apontamentos para un debate urxente. Edita: Asociación Touda & Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo.

- 2014: Nosotros, los detritívoros (1ª e 2ª edicións). Edita: Asociación Touda.

- 2013: Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo. Edita: Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo.

- 2007: Emogramas (poemario baixo o pseudónimo de Leónidas Lúa Lacorme), con prólogo de Estíbaliz Espinosa. Edita: A Regueifa Plataforma.

- 2006: O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes (Premio de ensaio “Galeguidade” 2003 da Consellaría de Emigración da Xunta de Galicia). Edita: Asociación Cultural Fillos de Galicia.

Coautoría

- 2025: Ai (conto infantil ilustrado por Antía Barba Mariño). Edita: Aira editorial.

Colectiva

- 2025: “CDRCs: A proposal concerning work, resilience, and the repopulation of the countryside” en Pansera, M., & Vázquez-Santos, C. (2025). ESEE-Degrowth 2024. Science, technology, and innovation beyond growth: cultivating collective creativity for a sustainable future. Pontevedra, 18-21 June 2024. Conference proceedings & abstracts. Edita: Post-Growth Innovation Lab (Universidade de Vigo).

- 2024 (en prensa): (con Carmen Duce) “Contexto de colapso” en Guía para la resiliencia y la justicia. Edita: Solidaridad Internacional Andalucía.

- 2024: Participación co texto “Adeu sostenibilitat, hola resiliència” en Emboscats. El bosc com a refugi. Edita: Falla Arrancapins.

- 2021: Participación co poema “Vamos a echar cuentas” no libro colectivo Ábrete, cielo. 125 Voces en contra de la mina de Calabor. Edita: Invasoras.

- 2020: Participación co texto “Políticas para la sostenibilidad” no libro Repensar la sostenibilidad, coordinado por José María Enríquez Sánchez, Carmen Duce Díaz e Luis Javier Miguel González. Edita: UNED.

- 2019: Participación no libro Spain After the Indignados/15-M Movement: The 99% Speaks Out co texto “Toward a Postindustrial Left in Spain: Political Parties and Social Movements Facing the Collapse of Civilization”. Edita: Springer.

- 2014: Participación no caderno O fim do petróleo. Edita: Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo.

- 2011: Participación co texto titulado “Á procura dunha estratexia para unha auténtica Democracia nun contexto de colapso” no libro colectivo 15-M. O pobo indignado, coordinado por Alfredo Iglesias Diéguez. Edita: Laiovento.

- 2010: Participación co título de “Recuperación de la resiliencia rural en los albores del Decrecimiento Energético” no libro colectivo Decrecimientos. Lo que hay que cambiar en la vida cotidiana, coordinado por Carlos Taibo. Edita: Libros de la Catarata.

- 2008: Autor de “Os departamentos de municipais de cultura e a súa presenza na Internet” en «Acción cultural e actuais tecnoloxías» (Cadernos temáticos para a acción cultural local nº 6), coordenado por Daniel Romero Rodríguez, Rita Gradaílle Pernas e Pablo Montero Souto. Edita: Deputación Provincial da Coruña.

- 2007: Participación no libro colectivo de poesía Antoloxía poética da Diáspora Galega, editado pola Asociación Cultural Fillos de Galicia.

- 2005: A Nosa Voz, antoloxía de artigos do webzine Planeta Galego. Edita: Asociación Cultural Fillos de Galicia.

Webs sobre o autor

Web oficial do autor: https://casdeiro.info/wiki/

Blog principal, De(s)varia Materia: https://casdeiro.info/textos/

[Decembro, 2025]