MEMBRO DE HONRA DA AELG, 2011
Naceu na cidade da Coruña o día sete de xullo do ano 1932. Orfo de nai dende os tres anos, viviu case tres anos na cidade de Lugo, na casa dos tíos, que non tiñan fillos. De volta na Coruña, a súa casa foi a dos padriños. Asistiu-irremediablemente- á escola fascista: crucifixo, retrato de Franco e regra que caía iracunda e de canto nas palmas das mans cando o castigo. Máis adiante cursou estudos na Escuela Superior de Altos Estudios Mercantiles na cidade natal. Despois de desempeñar varios traballos para axudar a economía familiar, entrou a traballar no xornal La Voz de Galicia, onde pasou 25 anos.
Dende os 17 ou 18 anos, escribir poesía foi unha necesidade. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta. Os primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en Barcelona.
A cultura por aqueles anos da infamia, da longa posguerra tamén perdida, era imposta na lingua de Cervantes. Por outra banda, esta mesma lingua era a dominante na súa casa, a que falaban os seus e a gran maioría da xente coa que se relacionaba.
O galego, como lingua de expresión poética chegou máis tarde, cando xa estaba "ilustrado" por autores de fóra, "marcado" por eles. Non ocultou as influencias de Pablo Neruda, de César Vallejo, de Vicente Aleixandre, de certo Lorca, etc. Residencia en la Tierra, por poñer un exemplo, foi un encandeamento: ensinoulle a sentir, a ver, a pensar poeticamente. Tamén houbo outros moitos autores na súa sensibilidade. E músicos e pintores. A nómina de todos sería moi longa.
Ten publicados dous libros en castelán e nove en galego. Ata os 50 anos cumpridos non deu ó prelo o seu primeiro poemario, Memoria dun silencio (1982). Logo, cada ano botou a andar un libro dos que non se arrepentía en absoluto.
Os antólogos sitúano na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ao libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vén na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche; veñen os versos, e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes.
Premio Esquío (1994) por Rigorosamente humano; Premio González Garcés no 1998, por Luz de facer memoria (tamén Premio da Crítica en 1999) e no 2000 por Campo segado; por Os ángulos da brasa: Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de non poesía ou teatro do 2012, Premio da Crítica en 2012, Premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012 (ex-aequo con Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal) e Premio Nacional de Poesía 2013.
Había na súa última produción un tema recorrente: a memoria, que dita unha sorte de variacións sobre un só tema. Creu no poder da palabra, nas potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre rematou caendo polo escotillón da lírica que procuraba afinada ó máximo.
Escribiu contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creu na utopía.
[Outubro, 2019]