Manel
Monteagudo

Nacín en Cando, concello de Outes. Cando tiña dous anos trasladeime coa miña familia ó lugar de Corral de Orro, pertencente ao concello de Noia. A miña familia era de clase moi humilde e iso fixo que ao saír da escola, con 14 anos, me enrolara como engraxador nun buque pesqueiro-conxelador que facía a campaña de pesca en Sudáfrica, na captura da pescada; estiven nel nove meses (tempo que levou a campaña de pesca). Despois enroleime nun buque mercante español, pero como o salario non cubría as miñas perspectivas (14.000 pesetas), marchei para Hamburgo; após de estar hospedado durante catro días no Stella Maris, conseguín enrolarme, tamén de engraxador, nun buque mercante alemán: o primeiro salario que recibín desbordou todas as miñas inquedanzas, cobrei 360.000 pesetas ao cambio de marcos a pesetas; era o ano 1974, daquela, unha auténtica fortuna aquí en España. A economía no eido familiar mellorou un cen por cen. Entón eu comecei a estudar electricidade e electrónica naval por correspondencia. O 2 de marzo do ano 1977 tiven que incorporarme á Armada Española por mor de facer o servizo militar. Ao remate deste (17 de agosto de 1978) marchei de novo para Alemaña e reincorporeime á mesma navieira que estivera denantes do servizo militar. Enroláronme como oficial electricista nun mercante novo que saíra dos estaleiros no tempo que eu estivera facendo a mili. Salientar que tiven a prestixiosa honra de ser o oficial máis novo de toda a mariña mercante alemá (tiña 21 anos). Neste buque estiven tan só cinco meses e medio dado que o 28 de febreiro do ano 1979 (ese día facía 22 anos) tiven un accidente gravísimo ao caer dende seis metros de altura á adega do barco. Nese intre rematou a miña vida laboral, pola que tanto loitara. A causa das secuelas que me deixou o accidente, estiven practicamente vexetal durante 35 anos, e o 15 de outubro de 2014 déronme a alta médica, no entanto teño que tomar medicación o resto da miña vida.
No ano 2015 escribín un pequeno poemario que titulei Reflexións Poéticas, auto-editado. Na actualidade, ademais de escribir relatos, que publico semanalmente nas redes sociais, escribo poemas e prosa poética. Isto derivou en que o próximo día 20 do Nadal presente o meu primeiro libro non autoeditado, Camiño á Lagoa dos Bardos.

[Novembro, 2019]