Luís
Valle

Luís Valle (Lugo, 1977), poeta, humanista e consultor e xestor cultural con formación de posgraduado en dirección de empresas, patrimonio histórico, políticas culturais, filoloxía hispánica e didáctica polas Universidades de Santiago de Compostela e Oberta de Catalunya, e o Consello Superior de Investigacións Científicas.

Conta con vinte e cinco anos de experiencia en empresas tecnolóxicas, administracións, universidades, arquivos, museos e empresas de xestión e consultoría patrimonial e turística, desenvolvendo distintos roles en numerosos proxectos, entre os que se poden sinalar a coordinación da actividade institucional da Xunta de Galicia na Exposición Universal de Shanghai ou, na actualidade, a dirección científica e técnica dos traballos de documentación do patrimonio cultural de Galicia (Next Generation EU/MRR, Xunta) e a mentoría e coordinación do programa de Acompañamento de RUTEALC, incubadora de itinerarios culturais de América Latina e o Caribe (Organización de Estados Iberoamericanos, Trivium), entre outros.

***

Como poeta en lingua galega, ten dado ao prelo nove obras individuais publicadas polo Centro PEN Galicia, Sotelo Blanco, Galaxia e Barbantesa: A caída (2009), Fedor (2011), Caderno do mendigo (2011), As cicatrices do Sol (2015), Trona, o merlo (2015), Para que eu beba (2017), Óstraka (2019), Alianza (2022) e As asuras (2023), títulos polos que obtivo os premios Afundación, Eusebio Lorenzo Baleirón e Manuel Lueiro Rey, e figura en cinco antoloxías (Poetas en Lugo, XXV aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Poética Suída, Lupercais e Versos no cartão), abondosas obras en coautoría (Sempremar, Isidro Novo (1951–2018), Librosconversos etc.) e revistas (Cintilações, Boletín Galego de Literatura, Dorna etc.).

En conxunto, como autor de poesía, teatro e narrativa breve, comisario, investigador, crítico de arte e tradutor, participou na escritura de preto de corenta libros en galego, castelán, portugués, inglés e chinés, ten realizado máis dun cento de colaboracións con publicacións periódicas xeralistas e científicas, dirixido revistas como Evohé ou 65+, e tomado parte en numerosos encontros e recitais poéticos nacionais e internacionais. A maiores, no eido artístico, realizou diversas exposicións da súa obra plástica e colaborou con algúns proxectos musicais como os discos Óstraka de Marcos Pin ou Lobos de Davide Salvado.

***

A súa vocación é gozar da vida, a familia, os amigos, os libros e as lecturas e ir completando aos poucos o seu proxecto de obra, concibido dende o principio da súa escrita consciente (xuño de 1997) como unha indagación das posibilidades expresivas da poesía; experimentando —formal, emocional e intelectualmente— do poema breve ao extenso; escribindo, reescribindo e eliminando o que, ao seu entender, sexa preciso para modular a derradeira palabra e tallar o texto que, definitivamente, cale.

[Outubro, 2023]