Lois
Ladra

Son natural da Coruña, fillo de pais lucenses. Formeime en varias universidades públicas ibéricas como antropólogo e arqueólogo. Fun un dos fundadores da Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas de Galicia e da RIONOR - Rede Ibérica Ocidental para uma Nova Ordenação Raiana.

Como investigador independente, escribín unha ducia de monografías e máis de medio cento de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Teño publicado varios libros en galego, castelán e portugués: Arte relixiosa popular na Terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánimas (A Coruña, 2002); Caneiros, pescos e pesqueiras. A pesca tradicional nos ríos de Galiza (Santiago de Compostela, 2008); Ángel del Castillo: Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Estudios introductorios (en colaboración con Alfredo Vigo Trasancos, A Coruña, 2008); Tecnologia tradicional do sumagre no Douro Superior. Etnobotânica, história, cultura e património (Vila Nova de Foz Côa, 2013); A cultura da amêndoa no Douro Superior. História, tradição e património (Lisboa, 2013); Arqueologia da indústria moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza (Carviçais, 2018) e Os torques ártabros. Arqueoloxía e contextos para o ouro galaico (A Coruña, 2020).

Fun honrado con varias distincións no ámbito dos estudos etnohistóricos: Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (polas cruces de pedra no concello de Valga); Premio de Investigación Cátedra (polas telleiras no concello de Ares); Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (polas arquitecturas tradicionais da pesca nos ríos da Galiza); Premio Raigame-Xaquín Lorenzo (polas embarcacións fluviais tradicionais) e Premio de Investigación Fermín Bouza-Brey (pola pesca fluvial artesanal no río Tea). Tamén recibín o premio Pedra do Destino, pola miña traxectoria e compromiso co estudo e a defensa do patrimonio cultural galaico-portugués, concedido pola Asociación dos Amigos dos Museos de Galicia.

[Febreiro, 2021]