Llerena
Perozo Porteiro

Llerena Perozo Porteiro naceu en Vigo o trece de xaneiro de 1974.

Desde 2020 reside en Silleda, onde está a crear co seu socio o espazo de agrocultura A Gargalleira. Un proxecto dirixido á agricultura ecolóxica, a comunicación e divulgación, a formación de persoas adultas e a actividade cultural onde o ecofeminismo é o eixo transversal.

Entre os proxectos que produce, atópase a proposta escénica Ultraluz, creada pola escritora Ledicia Costas e o músico Amaro Ferreiro a partir do poemario homónimo de Costas.

Escribe opinión no diario Praza Pública, onde ten unha columna quincenal titulada Con A e de cuxo padroado fai parte. Colaborou tamén na sección de opinión de La Voz de Galicia e desde setembro de 2021 participa semanalmente como comentarista no faladoiro do programa A Crónica 20h, en Radio Galega e TVG2. En 2024 incorporouse ao consello de redacción da Revista Grial e ao faladoiro do informativo Galicia por diante (Radio Galega, TVG2).

A súa primeira novela, Pérez. Historia dun triunfo, foi editada por Editorial Galaxia en novembro de 2021. A segunda, Os anos tranquilos, chegou ás librarías con Edicións Xerais de Galicia o 13 de xuño de 2024.

Publicou tres libros de divulgación sobre igualdade e ecoloxía: Unha gota é un océano, manual de bos usos da auga (Auga editora, 2018), Sementamos igualdade, manual de boas prácticas (Auga Editora, 2019) e Falamos de sexo (Aikrana, 2022). Os dous primeiros tiveron unha distribución comercial en librarías baixo estes títulos, pero naceron como manuais divulgativos para campañas institucionais. O terceiro xa foi editado nos concellos de Pontevedra, Lugo, Cuntis e Vilalba, en edicións non venais con fins de sensibilización e educación cidadás.

Imparte talleres de comunicación desde a perspectiva de xénero, de igualdade e apoderamento para mulleres así como de prevención da violencia machista no territorio galego desde o ano 2001. Tamén de escrita creativa, desde 2021, a grupos privados e entidades. Así mesmo, colabora con diversas organizacións axudando en temas de comunicación e habitualmente imparte conferencias e guía actividades sobre igualdade, violencia de xénero e comunicación. No ano 2023 centrou esta actividade nas poboacións de mulleres reclusas en Galicia.

Entre xaneiro de 2014 e novembro de 2020 traballou en Versátil Servizos Editoriais e o seu selo Auga Editora. No seu posto coordinou campañas educativas en grande parte do territorio galego e español dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, ou á cidadanía en xeral a través de concellos e empresas. Tamén para esta empresa editorial escribiu varias obras divulgativas destinadas a público escolar, como Viaxe ao patrimonio natural de Lugo (Deputación de Lugo, 2016), Vanesa, Mito y Mixa (Ayuntamiento de Valladolid, 2019) e O soño da Praza das Árbores (Concello de Cuntis, 2021).

Previamente foi responsable de varios recitais poético-musicais nos inicios de Atardecer no Gaiás (edicións 2011 e 2012), da codirección, xunto con María Lado, das sesións infantís de Galicia, ceo das letras (2012) e Nexos para a cultura e o pensamento (2012 a 2018), todas estas para Fundación Cidade da Cultura de Galicia, así como da derradeira xira de Eduardo Galeano en Galicia (2012) e do programa de poesía e música Camiños de amor e lúa para Xacobeo´10 SA.

Con anterioridade foi asesora de comunicación corporativa e protocolo no gabinete do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia no goberno 2005/09, e antes traballou como produtora audiovisual e teatral, ademais de tradutora.

No sector audiovisual traballou na TVG en 2000/2001 (delegación provincial de Lugo primeiro e produción de directos, informativos en Santiago, despois) e para produtoras como Ficción Producciones (destacando a dirección de Curtocircuito 2005), Productora Faro, Lúa Films, Continental Films, Pórtico de Comunicaciones e varias outras. En canto á produción teatral, os traballos máis relevantes foron en Extremadura, con Teatro de Papel Producciones. Tamén foi a responsable de comunicación do Brincadeira Fest en 2012 e 2014.

[Xullo, 2024]