(Julio Negueruela Vázquez)
Jamas

Artista ambulante nado en Madrid no 83, nómade que aos dezanove xa pasara por Pinto, Tenerife, Santiago, A Coruña, Corme, Ordes, outra vez A Coruña, para, mentres non se demostre o contrario, desembarcar de novo en Santiago de Compostela, cidade na que desempacou o macuto. Apaixonado da literatura por influencia dos seus pais, chapurrea os primeiros versos de moi cativo. Jamas camiña sempre da man da música, participa en varios grupos noveis de rap, forma o conxunto Ghamberros, e, posteriormente, é unha das voces de Dios Ke Te Crew (2003-actualidade), grupo que edita traballos discográficos como Xénese (2006), Humanose (2011) ou O Ciclo da Serpe (2019), entre outras creacións.

Diario dun Pirata Confinado é a primeira obra literaria de Jamas; o lanzamento en papel dun espírito insubmiso; a primeira bala dun kalashnikov cargado de ácida retranca.

[Abril, 2021]