Juan
Parcero

Juan Parcero, Moaña, 27 de maio do 77.

Comecei a escribir cando agarrei un lapis, de maneira natural e como terapia para un momento no meu pobo natal, Moaña, no que a droga e a especulación inmobiliaria o cubría todo dunha color gris e temerosa. Malia cursar estudos técnicos sempre fun “máis de letras”, polo que a pulsión de narrar e ler como un tolo sempre me perseguiu. Atopar a Gogol e ler A nai agudizou este sentimento e a ansia por describir os meus pensamentos e vivencias aínda máis. Se a este desexo unimos o amor ao cine e á literatura clásica, logo chegamos á escritura e realización de curtametraxes (ata dez!) e á redacción de escritos a cada vagada máis longos.

Certo día, atrevinme a ordenar eses escritos e enviei un deles, “O lombo dourado”, a un concurso literario do Lar Gallego de Sevilla, conseguindo gañar naquela edición do 2010. Ese premio fíxome crer que o que eu escribía podía ser interesante para alguén máis ca min. Así, animeime a enviar una pequena novela á Editorial Rinoceronte, sita no pobo veciño de Cangas do Morrazo. A resposta foi rápida, ían publicala! Era abril do 2011 e Sangue no ollo estaba no prelo. No 2012 e tras gañar o concurso co relato “Camiña”, que se publicou xunto co resto dos finalistas de Tempos dixitais, comezo a redactar a que sería a miña segunda novela, publicada desta vez por Tosoxoutos e titulada A fiestra aberta. Aproveitando a inercia, publiquei a continuación Vento na cara. A primeira no ano 2017 e a segunda no 2018. Nestes días atópome coa que será a miña cuarta novela, A soidade selénica, máis ambiciosa tanto en lonxitude como en temática e que se publicará a finais de ano na Editorial Galaxia.

[Agosto, 2021]