Joaquim Ventura Ruiz naceu en Barcelona o 7 de xullo de 1954. Actualmente reside en Premiá de Mar (Maresme). Licenciado en Filoloxías Galega e Portuguesa pola Universitat de Barcelona (1993) e doutor en Filoloxía Románica pola mesma universidade (1997), coa tese El Grup Nós i la cultura europea: autoretrat duna generació, que obtivo a calificación de apto cum laude por unanimidade. Gañou o Premio Letras Galegas (Universidade de Santiago de Compostela) nas edicións de 1992 e 1993.
Alén de poeta en catalán (Premi Universitat de Barcelona, 1992; Premi Philologi, 1993), en galego colabora en prensa como columnista de opinión en Galicia Hoxe (1994-2020) e como columnista e crítico cultural en El Correo Gallego (desde 2020), e como crítico literario en diversas publicacións, entre elas o Faro da Cultura (Faro de Vigo) desde o seu inicio. Como ensaísta publicou O nacionalismo kármico de Vicente Risco (Laiovento, 2000), finalista do Premio Nacional de la Crítica, e fixo a edición anotada de Doutrina e ritual da Moi Nobre Orde Galega do Santo Grial, de Vicente Risco (Xunta de Galicia, 1997). Tamén é o autor das edicións críticas de Lembranzas do meu vivir II, de Ramón Otero Pedrayo (Galaxia, 2015) e Vicente Risco no xornal "Euzkadi" (Fundación Vicente Risco, 2018).
Alén de investigador da literatura galega tanto da súa época medieval como da contemporánea, con máis de trinta traballos, tamén é tradutor ao catalán de autores galegos como Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza Brey. Colaborou no proxecto da Enciclopedia Galega de Hércules Edicións co capítulo da narrativa entre 1916 e 1936.
[Outubro, 2020]