MEMBRO DE HONRA DA AELG
Jenaro Marinhas del Valle naceu o 25 de novembro de 1908 na Coruña no seo dunha familia mergullada no galeguismo -o seu pai relacionárase cos tertulianos da Cova Céltica-. Desde moi novo asistiu ás veladas teatrais da Irmandade da Fala da Coruña, da que chegou a ser tesoureiro.
Tras realizar o bacharelato na cidade natal -xunto de Urbano Lugrís, Emilio Pita ou Luís Seoane-, iniciou a carreira de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, mais abandonaría estes estudos para seguir os de empresariais. Desde entón dedicaríase á profesión mercantil como contábel.
Na década de vinte viron a luz poemas da súa autoría na revista Vida Gallega e realizou colaboracións xornalísticas en A Nosa Terra.
Marinhas del Valle figurou entre os fundadores das Mocidades Galeguistas (1933), das que foi primeiro presidente, e en 1936 tomou parte activa na campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galiza. Finalizado o conflicto bélico que seguíu ao golpe de estado militar -o coruñés fora mobilizado para a frente de Asturias- realizou unha viaxe pola Europa do Leste e, xa de volta, asistiu en 1943 a reunión clandestina celebrada na casa de Francisco Fernández del Riego en que nacería o proxecto da editorial Galaxia.
A proposta de Rafael Dieste, foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega no ano 1978, mais en 1990 -tras a morte de Ricardo Carvalho Calero- renunciaría á cadeira que ocupaba por disconformidade co rumo da institución.
A súa primeira peza teatral, que Marinhas entregara a Ánxel Casal, perdeuse co asasinato do editor. A obra posterior abranxe principalmente producións dramáticas ou textos teóricos á volta do feito escénico, entre os que figura o seu discurso de ingreso na RAG (A importancia do público na revelación teatral). Entre as primeiras inclúense, entre outros, títulos como A revolta e outras farsas (1965) ou Ramo cativo (1990). Con todo, cultivou igualmente a poesía -Lembrando a Manuel Antonio (1979)- e a narrativa -A vida escura (1987)-.
Preocupado fondamente polo noso idioma, foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Língua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Ocupou, ademais, os cargos de Vice-Presidente da Comissão para a Integração da Língua da Galiza no Acordo da Ortografia Simplificada e de Membro do Consello Consultivo da revista Nós.
Marinhas del Valle morreu na Coruña en 1999.
*A foto é de Miguel Castro