
Jacobo Santoro Gallego: unha vida entre a educación e a imaxinación.
(Vigo, 1983)
A miña relación coa literatura comezou moito antes de pensar en converterme en escritor. Tiven a sorte de herdar das mulleres da miña familia —especialmente das miñas avoas, C. Santoro e M. Gallego— o amor polos nenos e pola literatura. Todas elas ensináronme que as historias que vivimos nos libros acompáñannos durante toda a vida e que ler é tamén unha forma de imaxinar, de aprender e, sobre todo, de soñar.
Levo case dúas décadas dedicado ao ensino como mestre de Educación Primaria en Santiago de Compostela e durante todos estes anos tiven a sorte de compartir o meu día a día con nenos e nenas, embebendo da súa imaxinación, rindo coas súas ocorrencias e sorprendéndome coa capacidade que teñen de converter a súa vida cotiá nunha aventura do máis intrépida. A escola ensinoume que os nenos necesitan historias, personaxes e mundos nos que perderse e emocionarse sen prexuízos.
Despois de moitos anos rodeado de libros, contos e alumnos, chegou o momento de escribir as miñas propias historias. Así naceu a miña primeira aventura como escritor profesional: Axencia máxica de vetectives viu a luz en marzo de 2026 da man de Oqueleo. Un proxecto que representa para min moito máis que a publicación dun simple libro. É a consecución dun soño. O soño de compartir con outros lectores unha pequena parte dese universo fantástico que durante tanto tempo viviu na miña imaxinación.
Nas miñas historias gústame combinar a fantasía, o humor e a aventura. Crear personaxes e situacións sorprendentes, divertidas e que esperten a curiosidade dos máis pequenos. Facelos sentir que, durante unhas páxinas, son tamén parte desa aventura.
«Monstruoso F.C.», unha colección de libros para primeiros lectores que combina fútbol e fantasía dunha maneira xenuína e moi divertida, foi editada en catalán e castelán pola editorial Carambuco en xuño de 2026. Traballamos arreo para que pronto poida ver a luz en galego, a súa lingua orixinal. En 2027 publicarase a miña primeira novela fantástica xuvenil, tamén da man de Oqueleo.
Este é só o comezo do meu camiño como escritor. Un camiño que afronto con ilusión, con moitas historias aínda por contar e cun desexo que resume todo o que agardo conseguir cos meus libros: que os nenos e nenas atopen un lugar onde imaxinar, rir, emocionarse e, sobre todo, gozar lendo.
[Outubro de 2026]
