Iago Mouriño Román, Lalín (1984):
(Hai alguén aí? Ola? Funciona o micro? Puf, ptuf, piiiiiii- Funciona. Empezamos. Non? Veña. Imos aló.)
Bos días, cabaleiros. O meu nome non é Syd Barrett porque nese caso estaría vello, gordo e calvo, falaría en inglés e tería a miña cabeza controlada por psicofármacos. Segundo consta na mina acta de nacemento son Iago Mouriño Román. Por tanto temos unha primeira conclusión: nacín. O cal é evidente porque de non ser así non podería estar facendo esta reseña. Ou en todo caso podería pero con Iker Jiménez caéndoselle a baba ao meu lado.
Agora debería dicir que escribo. Pero non o penso facer porque non o fago. Xunto letras, palabras e parágrafos e polo de agora soou a frauta cunha afinación máis ou menos decente e poido dicir que cheguei a compoñer textos cun certo sentido. Algúns foron premiados, a gran maioría non. Co cal me parece absurdo facer unha relación dos premios cos que fun galardoado.
Leo, claro está. O que leo é cousa miña. Este é o momento no que moitos se tiran o rollo falando de autores consagrados de fai cen anos ou máis, escritores malditos de final do século XX e algún que outro escritor galego para quedar ben. Pero que lle imos facer. Nin levo gafas negras de pasta, nin camiseta a raias horizontais con chaqueta, nin son de Santiago, nin me gustan os locais de moda nin a arte oportunista. Non teño remilgos nin prexuízos. De feito gústame ler novela lixo. Moita novela lixo.
(Aí ao fondo hai un que levanta a man. Xa é a rolda de preguntas?)
Pois si, publiquei. Grazas a concursos nos que o premio era publicar. E colaboro onde podo. Iso si que non me importa dicilo, a ver se así aumentámo-la tirada. Comecei no mensuario local Lalín e Comarca onde sigo e non teño pensado parar. Saco tamén algunha cousiña na revista trimestral da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Son músico, si. De grupos de pop, rock, jazz, de banda de música, de big band. Pero iso non ven ao caso. Estou enrolado nunha compañía de teatro para a que redacto os guións. Desto hai dous anos, dende que nos xuntamos para facer unha radionovela nunha emisora local grazas a que o locutor era un tío enrollado. O locutor está agora en Santiago. Pero é de Vigo e non leva gafas negras de pasta nin camiseta a raías horizontais con chaqueta.
(Máis preguntas? Ninguén? Pois eu penso que... Xa, non?)
[Xuño, 2006]