Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago (1991) e Máster en Medios de Comunicación pola Universidade da Coruña/La Voz de Galicia (1994). Xornalista, escritor, editor e xestor cultural, é autor de varios libros, entre os que destacan Territorio auroral. 36 memorias vivas de Compostela (1997), Teoría de Lugo (2004), Descubrir Lugo (2006) Galicia en cen prodixios (2004), Diario dun pai acabado de nacer (2008) ou Balada ceibe no bosque de Conxo (2018), A nena que abrazaba as árbores (2020) e Federico García Lorca en Santiago de Compostela (2020).
Desde 2004 dirixe Alvarellos Editora, a empresa cultural que fundara seu pai en 1977 e que hoxe é a vicedecana das editoras galegas (a decana é Galaxia).
Alvarellos define a súa empresa como “factoría de contidos culturais”, unha editora que recibiu nos últimos anos, entre outros recoñecementos, os premios Premios Manuel Beiras (2016) pola súa defensa da lingua galega, Irmandade do Libro (en dúas ocasións 2014 e 2008 –premio concedido pola Federación de Librarías de Galicia–, Premio á Edición histórica (2007) da Asociación Galega de Editoras. E entre os últimos, en 2018 e 2019, na Gala do Libro Galego, o Premio ao Libro Mellor Editado de Galicia, pola edición facsimilar dos Seis poemas galegos de García Lorca (2018) e por Fosforescencias de Lupe Gómez (2019).
Henrique Alvarellos é tamén autor de centos de artigos e crónicas na prensa galega dende finais dos anos oitenta e impulsor de iniciativas culturais como a conmemoración do centenario da Exposición Rexional Galega de 1909 (mediante unha gran exposición fotográfica comisariada e montada por el, en 2009), a apertura do Bosque do Banquete de Conxo (2018) ou a posta en marcha do 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia, onde participaron, na primeira edición, celebrada en 2018, centos de escolares, institucións e particulares, de toda Galicia.
Desde decembro de 2020 Henrique Alvarellos preside a Asociación Galega de Editoras, o colectivo integrado por corenta selos editoriais, o 90% da produción do sector en Galicia.
[Febreiro, 2021]