Héctor
Pena

Héctor Pena (Santiago de Compostela, 1985) é xornalista, historiador e investigador pre doutoral en Turismo Deportivo na Universidade de Vigo.

Coruñés de adopción, viuse fascinado desde a súa primeira infancia polo fútbol, en particular, e polo deporte, en xeral, unha paixón que plasma cada día en forma de letras e palabras nas páxinas de ‘Nós Diario’ desde o primeiro número do xornal, lanzado o 2 de xaneiro de 2020.

Antes, escribiu e colaborou en medios como ‘DXT Campeón’, ‘O Dez’ ou ‘Xornal de Galicia’, ao mesmo tempo que participaba en textos e volumes colectivos con textos como "FET y de las JONS: Deporte, mujer e identidades (1939-1959)", "El telégrafo que nos trajo el fútbol" ou escribía libros como "Historia del Trofeo Teresa Herrera" (2015) e "Os Nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo" (2017).

En 2021 comisariou a exposición de Vía Galega "Galiza, un pobo, unha selección", a maior mostra sobre deporte galego até o momento, escribindo ademais o guión do documental e dirixindo a revista e o xornal homónimo.

Tamén foi un dos promotores da Iniciativa Lexislativa Popular que en 2021 demandou a oficialidade das seleccións deportivas galegas e en 2023 gañou o Premio Johán Carballeira de Xornalismo (2023) pola súa ‘Historia inacabada do deporte galego’, publicada en ‘Nós Diario’.

En xuño dese mesmo ano lanzou ‘A Pioneira’, a súa primeira experiencia coa narrativa, na que emprega o fútbol para construír unha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión, seguíndolle en agosto o primeiro percorrido integral en lingua galega sobre o fútbol feminino: ‘Historia do fútbol feminino en Galicia: De Irene González a Vero Boquete’.

[Agosto de 2023]