Héctor
Cajaraville

Son o pequeno de cinco irmáns. Nacín na rúa dos Castiñeiros de Santiago de Compostela, a carón da cidade vella, e alí vivín ata os catro anos, época da que para a miña desgraza non gardo recordo ningún. Logo marchamos para o barrio de Vite, onde vivín ata non hai moito, época da que para a miña desgraza gardo demasiados recordos. Alguén me convenceu para estudar xornalismo (igual fun eu mesmo), e alá fun a pintar a mona catro anos, que se estenderon uns cantos máis en empregos que dun modo ou doutro tiñan que ver con esa profesión que ao comezo me fascinaba, logo aborrecín e agora me resulta por completo indiferente, sempre que se manteña a relativa distancia. Con 35 anos deixei o meu traballo de maquetador nunha imprenta e volvín estudar, desta vez un máster en lingüística galega, talvez intentando emendar o erro de dúas décadas atrás. Logo fixen outro máster de edición, e a sinerxía de ambos deume a oportunidade de traballar como corrector de orixinais en galego, actividade á que me sigo dedicando. Supoño que por ese contacto co mundo editorial un día decidín que eu tamén quería probar a ser escritor, e nun rauto de creatividade nuns meses parín catro novelas que, por fortuna, recibiron senllos recoñecementos noutros tantos certames e todas elas foron publicadas ou o serán axiña. Entrementres, sigo escribindo, agora con máis vagar; e aspiro, non a vivir disto de escribir, que xa sei..., senón a que isto de escribir siga formando parte da miña vida.

[Xuño, 2016]