Gustavo Pernas Cora, Viveiro 1959. Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela (1981) onde realiza diversos traballos de investigación no campo do cine e do teatro. Estudia Arte Dramático en Madrid.
Desde 1985 dedícouse profesionalmente ao teatro, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática. Autor de relatos e guións de televisión e realizador de curtametraxes. Actor e director de dobraxe. Colaborador en distintos programas de radio. Participante en numerosas mesas redondas, ponencias e conferencias. Foi membro da Comisión Técnica de Teatro da Ponencia de Artes Musicais e Escénicas do Consello da Cultura de Galicia, onde organiza en 2000 as Xornadas sobre Escrita Dramática e participa na publicación do Proxecto para a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Desde 1997 impartiu aulas en diferentes ámbitos do ensino: profesor de Guión, Teatro e Linguaxes Audiovisuais na Escola de Imaxe e Son de A Coruña; profesor de Guión no Centro de Formación do Profesorado; profesor de Dramaturxia no Master de Estudios Teatrais e Audiovisuais da Universidade da Coruña; profesor de Arte Actual e Dramaturxia nesta mesma Universidade, en Pedagoxía Teatral.
En 1989 funda con Anxela G. Abalo a compañía de teatro "Áncora Produccións" na que dirixiu e interpreta os seus propios textos.
En 1990 estreou O galego, a mulata e o negro (publicada en 1999. Ed. TrisTram), pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Texto Dramático (1991) sendo nominado como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo.
En 1996 estreou Ladraremos -Comedia de amor e medo-, que acadou o I Premio María Casares de Teatro ao Mellor Texto Dramático Orixinal, quedando finalista como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo.
En 1997 estrea Fábula -Comedia nun só acto... sexual-, nominada en seis apartados no II Premio María Casares de Teatro, Mellor Espectáculo, Mellor Texto Dramático Orixinal, Mellores Actores Protagonistas, Mellor Escenografía e Mellor Vestiario.
En 1998, estreou Anatomía dun hipocondríaco -Comedia Médica-, nominada no III Premio María Casares como Mellor Texto Dramático Orixinal e Mellor Escenografía, que forma parte con Ladraremos e Fábula da triloxía Comedias paranoicas publicada en 2000 por Edicións Xerais, dentro da colección Libros do CDG, e proposta pola Real Academia da Língua Galega, para o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2000.
En 2000 estreou Sucesos, espectáculo conformado polas pezas: Ruinas, A vella sensación do prohibido (publicada no núm. 4 da Revista Casahamlet), Branco e negro e ¡Ai, que sería de nós sen os obreiros!
En 2001 estrea Footing, Premio Rafael Dieste 2001 da Deputación de A Coruña, publicada pola Deputación dentro da Colección de Teatro.
[Outubro, 2018]