Celeiro de Asadur (Maceda-Ourense). Nacido o 8-III-1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes, tres mulleres).
Lembraba a miña infancia como inocencia, xogo e escola. Foi á escola aos cinco anos; fixo a 1ª Comuñón aos seis. Montou a cabalo desde sempre -porque o levaban de neno e sabía montar desde os tres anos-.
Foi unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na "carreira" continuos; a familia, un fogar entretido. Perdeu, por falecemento, a irmá maior cando tiña el sete anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pediu ir estudar aos Milagres -un santuario cunha preceptoría a seis kms. da casa. No 2º curso, no vran, faleceu seu pai: moi duro trance. Seguiu estudos.
Aos 16 anos optou por un noviciado de "paúles" en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro "nacionalcatolicismo", nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos, 3-VII-1949.
Profesor de seminario -cursos de filosofía- e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con Sobresaliente. Iniciou o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, 1954-1958. Deste a Barakaldo, 1958-1965.
No 1965 rector do Teologado de paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade.
No 1973 decidiu voltar ao país. Vigo como domicilio; profesor da E.U. de Maxisterio e horas no Inst. Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso.
Actividade relixiosa na Igresa galega dos "Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles viviu.
Actividade cultural directa no bairro e na A.C. de Vigo que presidiu uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora de A Nosa Terra. En política tomou parte na ANPG e no BNG.
Como escritor comezou en revistas relixiosas, nos anos 1946-49. Logo publicou O Santuario do Monte Medo, que se esgotou, nos anos 60. Ademais dos libros referidos na bibliografía, en Salamanca editou: A oración cristiana na Enciclopedia do Catolicismo e a Congregación da Misión-PP. paúles, en Epesa. Ten varias monografías en Nº Extra de A Nosa Terra, Ensaios en revistas internacionais etc. Escribiu semanalmente no periódico A Nosa Terra reseñas de libros ou/e columnas.
Desvelou a súa interioridade en Conversa con Francisco Carballo, obra de S. Prol e X. Carballa. A esa conversa se remite. Toda a súa actividade estivo sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Mais amou a montaña, o mar, o silenzo das noites de luar e os días de choiva quente. Pero só en casos isolados tentou o ensaio literario e nen siquera o conservou.
Nos artigos en A Nosa Terra e en varios outros medios, procurou combinar pensamento e bo expresar, gañando consciencia da lingua galega na que se ubicou e quixo coñecer e usar con rigor e estilo.
Conservou o diario de melancolía e soños desde os 16 anos, que, aos sesenta, botou ao lume; gardou algo dos anos 1963 e seguintes. Nos anos 1990 redactou unhas Memorias que serviron a Prol e Carballa para as Conversas; de vez en cando proseguiunas.
Viviu no Morrazo desde que se xubilou como profesor. Compartiu casa con paúles; estivo activo: ministerialmente coa pequena Igrexa galega de Irimia; culturalmente, con colectivos, v.g. Fundación Joan Maragall, Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), A Nosa Terra e outros; intencionalmente, co BNG. Intentou dar remate a unha monografía s. XVI de Galiza e a un ensaio cristián sobre "inserción do cristinanismo" na nación.
Asiduo de canto virtual se publica en galego, e non virtual por suposto. Gostou da investigación e aceptou o ensaio como diálogo cos lectores.
Como historiador publicou:
- [1963] El santuario del Monte Medo.
- [1979] Historia de Galicia, ANPG, Pontedeume (coautor).
- [1978] La Iglesia en Galicia durante la IIª República, Madrid, Akal.
- [1988] A nosa literatura, A Coruña (coautor).
- [1984] Castelao sen manipulación, Xistral, Santiago (coautor).
- [1990] La iglesia católica y la guerra civil española, Fund. Ebert, Madrid (coautor).
- [1991] Historia de Galicia, 1-2-Ant, Vigo (coautor).
- [1996] A Igrexa galega, A Nosa Terra, Vigo.
- [2000] Alexandre Bóveda, A Nosa Terra, Vigo.
- [2001] Breve Historia de Galicia, A Nosa Terra, Vigo.
- [2002] Martín Sarmiento, A Nosa Terra, Vigo.
Colaborou en A Trabe de Ouro, Seiva, Confer, Encrucillada, Anales C.M., Cadernos de Cultura ANT, etc. Escribiu semanalmente en A Nosa Terra; periadicamente en A Peneira e ocasionalmente na prensa en xeral. Ten páxinas en BVG, Udc.es. Investigou sobre Galicia Moderna (s. XVI) e está a elaborar unha "Expositio fidei" (e a nova igrexa galega) na páxina virtual da BVG.
[Novembro, 2014]