SOCIA DE HONRA DA AELG. Letra E 2023 - Pontevedra
Xosefa Casalderrey Fraga (Fina Casalderrey) naceu no lugar de Pilarteiros, parroquia de Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. Cando contaba cun ano de vida, o 14 de setembro de 1952, asistiu a un importante acontecemento do que só ten memoria por boca dos seus proxenitores -un mecánico e unha costureira, daquela aínda moi novos-: gozou do privilexio de asistir á súa voda e ser testemuña directa dunha fermosa historia de amor. Deseguido foron vivir ao lugar do Castelo, ao abeiro do San Benitiño de Lérez e moi preto de onde no medievo se erguía a fortaleza de Cedofeita. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai contribuíron en modelar a súa escola do fantástico. E en Lérez, no lugar do Cruceiro, segue a vivir na actualidade.
O galego era a lingua de seus pais e a súa propia. Lingua na que nunca puido deixar de soñar, mesmo cando -primeiro na escola pública da Porta do Sol de Lérez e despois no Instituto de Pontevedra (hoxe IES Valle-Inclán)- houbo de finxir abandonar nas relacións sociais, por imposición das circunstancias de opresión que lle tocou vivir.
Con 9 anos, no verán de 1960, foi a clases de "corte e confección". Súa nai quería que, mellor ca "costureira", fose "modista". Ante a súa habelencia para a costura, dona Amelia, a profesora do curso, pediu que lle mercasen un manequín que case a dobraba en estatura, daquela a nai decidiu que o seu sitio aínda estaba na escola. Máis tarde, por consello da súa mestra, comezou o bacharelato no instituto da Avenida de Montero Ríos (o único que había en Pontevedra para rapaces e rapazas, aínda que en aulas separadas) e continuou no novo Instituto Feminino (antiga Escola Normal) onde rematou o bacharelato "elemental". Deseguido estudou maxisterio cando a Escola Normal xa fora trasladada á beira do río Lérez.
O seu primeiro destino como mestra foi una substitución en Pontecesures. Alí deu con Avelino Pousa Antelo e empezaron a xurdir preguntas e a atopar algunhas respostas á diglosia que se respiraba no seu ambiente. Foi daquela que comezou a adaptar contos populares ao teatro para representalos co seu alumnado para seguir con sinxelas pezas de creación propia. Actividade que non abandonou nunca durante os corenta anos de docencia.
Aquelas primeiras nocións de "costura" servíronlle para reflexionar e aprender sobre a importancia da estrutura nunha narración e de dosificar convenientemente os descubrimentos que a lectura gozosa ha de aportar, do mesmo xeito que os petos ou os adobíos dunha prenda han de ir no lugar axeitado para que sexa vistosa e útil; e, en todo caso, que non coute a liberdade de camiñar.
Nos comezos como ensinante, foron tantos os destinos (Pontecesures, San Cipriano de Ribarteme, Catoira, Cambados, Covelo da Lama, Barcia da Lama, Campelo da Lama, Bora, Mosteiro- Meis…) que, en canto tivo oportunidade, quedou 25 anos no, daquela Grupo Escolar, Santa Lucía de Moraña. Logo, os dez últimos anos, previos á súa xubilación, impartiu docencia no IES Illa de Tambo de Marín. E cada neno, cada nena, cada escola, foi deixando un pouso na súa memoria. "Oxalá tamén algo bo de min quedase un chisquiño en todos eles", di ás veces. Asegura que as horas extra, ano tras ano, investidas co seu alumnado despois das clases, foron a súa mellor "licenciatura" en pedagoxía.
A súa especialidade, por oposición, é Matemáticas e Ciencias da Natureza, pero naquel fervedoiro do comezo da Lei de Normalización, diplomouse en Lingua e Literatura Galega na Escola Oficial de Idiomas (por libre, en Pontevedra aínda non se abrira tal Centro). Cambiar a Escola, achegala máis á realidade, instouna a realizar co seu alumnado diferentes traballos relacionados coa investigación etnográfica no entorno próximo (os hórreos, os apeiros de labranza, a climatoloxía e astroloxía popular, as festas populares, a medicina popular, os xogos tradicionais, cantigas, refráns, lendas…), moitos deles premiados no seu día polo Museo de Pontevedra, pola Xunta de Galicia ou pola Xefatura Nacional de Tráfico. Todos eles en Galego. En parte, eses traballos foron o inicio dunha publicación colectiva, coordinada por Mariano García (Terras de Moraña: Unha realidade na historia, na lenda, na lembranza… 2002), publicada polo Concello de Moraña moitos anos despois da súa elaboración.
Xunto con Mariano García, publicou os ensaios: O libro da empanada (1993), Festas gastronómicas de Galicia (1994) e Repostería en Galicia (1997) (3º Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico).
En relación co mundo do ensino, en 1996, publica Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (7 pezas para representar).
Outras publicacións pedagóxicas foron: Lecturas 2 (1º Ciclo EP). Edebé, 1997; Tren dos contos 1º; EP. Lecturas. SM, 2006; Un dous tres hora de ler. SM Xerme, 2008; Tic tac tic hora de llegir! SM, 2008; Medrando Sans. Xunta de Galicia, 2008.
Exerceu de pregoeira en diferentes Feiras do Libro e tamén en eventos gastronómicos en múltiples ocasións. Impartiu charlas-coloquio, mesas redondas, conferencias... relacionadas coa LIX ou coa Gastronomía, dentro e fóra de Galicia, en Centros de Ensino, Asociacións Culturais, Museos, Centros Galegos, Universidades... (Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, así como diferentes cidades de Asturias, Cantabria, Navarra, Aragón, Castela-León, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Murcia, Andalucía, Canarias... Tamén na Bretaña Francesa, Xenebra (Suíza), Hamburgo (Alemaña), Cork (Irlanda), Rabat e Casa Blanca (Marrocos), A Habana (Cuba), Caracas (Venezuela), Panamá, Guadalajara (México), Boloña (Italia)...
Participou no informe da UNESCO de 1997 La educación encierra un tesoro.
Foi membro da directiva de Gálix dende setembro de 2001 ata xaneiro de 2004. Pertence ao PEN Club dende o 12 de xaneiro do ano 2008, e á AELG dende o 1 de xullo de 2009.
No ano 1991 deuse a coñecer no mundo das publicacións coa novela xuvenil Mutacións xenéticas. Dende entón, publicou máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís aos que lles hai que sumar máis de vinte historias recollidas en volumes colectivos. Os seus libros, sempre escritos inicialmente en galego, tradúcense habitualmente ás demais linguas do estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, inglés, francés, italiano, portugués ou chinés.
Dende novembro de 2013 forma parte da RAG (Real Academia Galega) como membro numerario. O seu discurso de ingreso levou por título: Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario.
Colabora en prensa con artigos e outros traballos que aparecen espallados por xornais e revistas (Diario de Pontevedra, Progreso de Lugo, Nós de Sabadell, Fadamorgana, Golfiño, CLIJ, Cedofeita, Tempo Exterior...).
Por dous artigos publicados no Diario de Pontevedra fóronlle concedidos os premios Puro Cora (2001) e o Fernández del Riego (2003).
No ano 1996 foille concedido o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa.
[Setembro, 2019]