LOPEZ GÓMEZ FELIPE-SENÉN
(Carballiño, 1948)
Fai seus primeiros estudos no Carballiño e no Instituto de Ourense, onde se vincula como colaborador do Museo Arqueolóxico, dirixido entón por Ferro Couselo, sumándose igualmente ás actividades da agrupación cultural “Auriense”. Estuda Filosofía e Letras, especialidade de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, a un tempo que fai prácticas de museoloxía e arqueoloxía co historiador Manuel Chamoso Lamas, así como na creación, instalación e posta en funcionamento do Museo das Peregrinacións, e do Museo do Ribeiro; participando igualmente como supervisor de campo nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e nas da ermida de San Guillermo de Fisterra. En 1975 pasa a reorganizar aspectos no Museo Arqueolóxico da Coruña, ubicado no Castelo de San Antón, sendo nomeado director-conservador. Coa ansia de abrir a institución do museo ó gran público e ás cuestións socioculturais da cidade e de Galicia, crea o colectivo de colaboradores e Amigos do Museo Arqueolóxico, que será base para a formación do colectivo Amigos dos Museos de Galicia. Coa mesma ansia de dinamización e sesibilización sobre as cuestións arqueolóxicas e patrimoniais da cultura de Galicia, crea e dirixe dende o museo coruñés o Boletín “Brigantium” e unha serie de publicacións, a un tempo que coordina traballos de prospección arqueolóxica submarina co Grupo de Investigación e rescate Arqueolóxico Subacuático (GIRAS), dirixido por Rafael Mejuto, na baía da Coruña e outras áreas da beiramar da provincia, intervindo en aspectos relativos á sensibilización sobre o patrimonio asolagado, lexislación, competencias, cuestións técnicas etc. Dende o Museo Arqueolóxico coruñés inicia igualmente o traballo de supervisión e posta en valor do Castro de Elviña. Iniciando de 1978 a 1985 a consolidación e limpeza da área escavada a finais dos anos corenta por Luengo Martínez, xacemento na área periurbana coruñesa que tenta potenciar como importante recurso cultural e turístico. Traballos que, pese ós esforzos, paralízanse por falla de apoio institucional. Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na que ingresa no 1987 cun discurso sobre “A auga e as fontes en Galicia” (Deputación de Ourense-2010). Numerario e secretario do Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses, no que é recibido cunha disertación sobre “Cuestións Arqueolóxicas e Museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico da Coruña” (1994), na que se detén en cuestións profesionais de presente e futuro relativas ó Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, Castro de Elviña e Torre de Hércules.
No 1996 pide excedencia no Museo Arqueolóxico da Coruña e pasa á Deputación Provincial da mesma cidade como Técnico de Xestión Cultural, inspirando e coordinando plans de dinamización cultural, museoloxía e recuperación do patrimonio cultural moble, inmoble e ideolóxico, así como a posta en valor de ecomuseos, tan significativos como ponte entre pasado e presente para entender as bases culturais dunha Galicia rural en transformación.
Cunha importante laboura na dinamización cultural galega: fundador da asociación cultural “Avantar” do Carballiño, de “Alexandre Bóveda” da Coruña, do semanario “A Nosa Terra”, da revista de pedagoxía o “Ensino”, coas que colabora con artigos de divulgación e sensibilización sobre o patrimonio cultural de Galicia. Aspectos que ininterrompidamente trata en diferentes medios de comunicación de Galicia e moi especialmente en conferencias por diferentes colectividades galegas, asociacións culturais ou universidades do Estado, Europa e América. Creador e animador de “Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña”, que pola súa actividade recibe en 1994 o “Premio Otero Pedrayo”, inspiradora e base de “Amigos dos Museos de Galicia”, colectivo con espazo de cultura propio e vida cultural ininterrompida en “Portas Ártabras” na Cidade Vella coruñesa. Asociación pioneira na sensibilización sobre a inmensidade do patrimonio cultural de Galicia, con iniciativas como o “Premio Pedra do Destino” á defensa do patrimonio cultural e as “xeiras” ou excursións guiadas ó longo de todo o ano por Galicia, como un xeito de “coñecer para querer e defender o patrimonio”.
Preocupado pola linguaxe simbólica na tradición galega, así como pola posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico. Aspectos que desvela incluso na súa faceta artística, especialmente como ilustrador, cartelista e pintor. Con obra dirixida a diferentes niveis de comprensión, os que fundamentalmente van da divulgación ó ensaio, participa en múltiples publicacións, artigos nos medios de comunicación de Galicia, folletos, guías, programas de radio, TV, prologuista, autor de varios libros, especialmente sobre cuestións en relación coa identidade cultural e recursos turísticos, entre moitos outros vinculados á investigación arqueolóxica ou histórica, expostos en congresos, conferencias, etc. Museos de A Coruña (Everest, León 1989), Artesanía de Galicia (Silex, Madrid 1981), Ferro Couselo (Artesa, Coruña, 1996) Ourense Etnográfico (Deputación, Ourense 1998), Os Xogos Tradicionais en Galicia (Proxecto Galicia. Hércules, A Coruña 1999), Festas populares de Galicia (serie con diapositivas): Nadal, Antroido, Semana Santa, Maios, San Xoán, Festas populares, Magostos (Baía, A Coruña 1997), Os primeiros galegos: prehistoria e arqueoloxía de Galicia (Lea, Santiago 2003), Memoria do Carballiño (Xerais, Vigo 2003), Xaquín Lorenzo Fernández (Baía-2004), etc.
[Xullo, 2010]