Eva
Moreda

Nacín en Vegadeo (Asturias) en abril de 1981. Tal vez o feito de nacer nun lugar de fronteira e o de marchar, tres anos despois, a outro lugar de fronteira (Ribadeo) determinaron que me gusten os extremos, aínda que sei que non son recomendables para a saúde. O meu recordo preferido dos meus anos en Vegadeo xa ten que ver cos libros: lembro que meu avó me levaba pasear todas as mañás e me mercaba un conto na tenda dos Americanos.

En Ribadeo pasei toda a infancia e a adolescencia, e alí foi tamén onde comecei a cultivar as que aínda hoxe son as miñas grandes paixóns: a literatura e a música. Un día de decembro de 1996 comecei a escribir unha historia sobre un rapaz galego que chegou á corte do rei Arturo. Un ano despois, ese mesmo rapaz voltou a cabalo e convertido en libro. En Ribadeo naceu igualmente o segundo libro, Mitología contemporánea, entre discos de jazz, lecturas, moito cine dos anos 40 e 50 e moitos, moitos ensaios da banda.

En 1999 marcho estudiar a Santiago. Escollín Filoloxía Clásica porque me gustaba, ou porque cría que me gustaba, e porque coido que ler ós clásicos é a mellor escola e a mellor cura de humildade para un embrión de escritor. De Santiago non teño demasiadas cousas que contar. Continuei escribindo e publiquei en Edicións Positivas O demo e o profundo mar azul, ademais de participar nuns cantos libros colectivos (Veas verdes, Autoras) e revistas (Dorna). Nunca me integrei en ningún dos moitos grupos literarios que pululan pola cidade e en especial pola miña facultade. Despois dalgúns meses de estancia en Turín (Italia) estou de novo en Santiago. Xa non creo nos contos do rei Arturo nin nos mitos, pero vou tirando.

[Agosto, 2002]