Elisabeth
Oliveira

De nai e pai portugueses, nada en Roubaix no 1971 (Francia), Elisabeth Oliveira chegou a Galiza en 1995 para namorar desta terra e non querer marchar nunca.

Licenciada polas Universidades de Lille III (Letras Modernas) e a USC (Filoloxía Francesa), actualmente exerce como tradutora e profesora nun IES de Pontevedra.

Publicou o seu primeiro poemario, POESIS, en 2016, un libro-CD en catro idiomas (galego, portugués, castelán, francés) acompañado de cancións tamén nesas linguas. En 2019 viu a luz Náufragas no mar e na terra, ed. Urutau, un poemario totalmente adicado ás mulleres.

No 2021, publicou o seu relato Lara, xunto a outras nove autoras galegas na antoloxía Libres e vivas, ed. Galaxia.

Este 2025 publica As Ninguén (Ed. Belagua).

Participou e participa en numerosos festivais (Kerouac, Poesía Salvaxe, Entreverbas, Lonxa de versos...), recitais e intervencións (Océano mar, no museo de Pontevedra, Verbas de muller, no Teatro Municipal, Verbas pola Paz, na Deputación de Pontevedra, etc.). É coordinadora por Galiza do colectivo PoéticAlbedrío que reúne poetas de Castela, Madrid e Galicia anualmente.

Foi finalista do premio Jovellanos ao mellor poema do mundo en 2017.

Apareceu en varia revistas dixitais e ten publicado em antoloxías como Latexo Beat (Ed. Galaxia), Antoloxía do confinamento (Ateneo de Pontevedra), entre outras.

Transita na poesía e na prosa ao son das catro línguas que fala, cun predominio da lingua galega.

Os versos nácenlle do que observa, do invisible das cousas, da rabia que lle provoca a actualidade, e xorden tanto en galego coma en castelán, francés ou portugués…

Escribe como outros pintan, esculpen ou compoñen: dando forma, cor e ritmo ás palabras e buscando na sinxeleza a evocación das emocións atemporais.

Pretende que o poema, aínda sendo música, provoque o silencio, ese silencio penetrante que deixa pouso e que pide que volvamos a el para tocarnos por debaixo da pel. Noutras ocasións, xoga coas palabras para levar un sorriso á boca do lector sobre temas que habitualmente se nos presentan negros.

Comprometida coa igualdade entre xéneros, orixes sociais e raciais, ten a teima de que a poesía, coma todas as artes, é quen de salvarnos como individuos e coma especie.

[Marzo de 2026]