Elena Gallego Abad é unha escritora e xornalista galega, cunha longa traxectoria profesional en medios de prensa e radio de Galicia. Actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) pola súa Demarcación de Pontevedra.
Como narradora, Gallego Abad dáse a coñecer coa saga fantástica DRAGAL, editada por XERAIS.
A serie iníciase con DRAGAL I. A herdanza do dragón (2010), finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012, á que seguen outras catro novelas:
- DRAGAL II. A metamorfose do dragón (2011)
- DRAGAL III. A fraternidade do dragón (2012)
- DRAGAL IV. A estirpe do dragón (2015)
- DRAGAL V. O segredo do dragón (2019)
Varios libros desta serie son publicados en inglés, castelán e catalán.
En 2014 publica a novela policial SETE CAVEIRAS (Xerais), que no 2022 acada a 9ª edición. Coa súa obra de narrativa O XOGO DE BABEL (Xerais 2017), explora outro xénero da literatura para adultos.
Ademais de escribir estes libros, a autora participa en diversos volumes colectivos de narrativa galega.
Integrante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), Elena Gallego Abad obtén en 2017 o II Premio de Relato Curto O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas (Vigo) coa obra A PROMESA. ​
O seu proxecto de guión para serie de televisión CRÓNICAS DE TRASTAMAR resulta seleccionado na primeira edición das #TitoríasAGAG para mulleres guionistas, convocado en 2020 pola Asociación Galega de Guionistas co apoio da Fundación SGAE.
Promotora e participante nas catro edicións do Proxecto DRAGAL, desenvolvido pola SXPL en centros de ensino público de Galicia (2013-2017), Elena Gallego Abad mantén múltiples encontros con lectores e realiza actividades de animación á lectura en centros de ensino de Galicia, Madrid, Andalucía, Cataluña, Bos Aires (Arxentina), Guadalajara (México) ou Chaves (Portugal).
Nos últimos anos a autora tamén imparte os obradoiros de creación literaria Imos contar Mentiras (CEIP Curtis 2016), Pontevedra Ficción (AELG-Dep Pontevedra 2017), Proxecto Legado (incluído no catálogo do programa Ler Conta Moito das bibliotecas públicas de Galicia 2023 e 2024), e o Obradoiro de escrita creativa Palabra de muller no Centro de Recursos Feministas do Concello de Vigo en 2024.
A escritora asiste, como autora convidada, a distintos certames literarios nacionais e internacionais.
Entre eles están a Feria Internacional del Libro de Guadalajara FIL 2013 (México), o Encontro Internacional de Escritoras XI EIDE 2014 en Brasilia (Brasil), distintas edicións da Feria Internacional del Libro de Madrid, Ponte Escrita Chaves 2016 (Portugal) e a Feria Internacional del Libro de Buenos Aires FILBA 2016 (Arxentina).
Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo (Deputación de Ourense 1998) no apartado de Medios Audiovisuais, pola produción e realización do programa A Fiestra de Onda Cero Ourense, Elena Gallego Abad ten a honra de ser pregoeira das Festas do Carme de Marín 2015 e da Feira do Libro de Verín 2018.
[Decembro, 2024]