Eduard Velasco (Barcelona, 1982).
É licenciado en Filoloxía catalá e Filoloxía galega. Foi profesor de catalán en Barcelona, Menorca, Santiago de Compostela e Lisboa. Publicou artigos de divulgación sobre cultura catalá en Galicia e sobre cultura galega nos Países Cataláns en xornais e revistas como Vieiros, A Peneira, Núvol, El Punt, La Directa, Sermos Galiza ou Luzes, así como no boletín A Micro Pechado, editado por Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, en cuxos programas colabora desde o ano 2003.
Traduciu literatura entre as dúas linguas: ao galego, as novelas Pa negre (Pan negro, Fundación Vicente Risco), de Emili Teixidor; Els sots feréstecs (As valgadas bravas, Hugin e Munin), de Raimon Casellas; e Paraules d’Opòton el Vell (Palabras de Opoton o Vello), de Avel·lí Artís Gener; ao catalán, tres pezas de Vicente Risco: os relatos Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, Os europeos en Abrantes e mais a novela O porco de pé (El porc dempeus, Fundación Vicente Risco).
Ten publicados dous poemarios en Espiral Maior: Ruído de trens (Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e O filósofo coxo (Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro), o relato Taxidermia, no volume colectivo A garza insomne (Galaxia, 2016) e a novela Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019).
Codirixiu, xunto a Alicia Fernández, a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela. Ante a proliferación de pisos turísticos no barrio de San Pedro, o aumento do prezo dos alugueiros e os consecuentes problemas de cohesión social que a xentrificación provoca, decidiu abandonar a cidade e restaurar con técnicas de bioconstrución unha casa na Ribeira Sacra, onde se dedica á crianza, ao cultivo da viña e á recuperación e posta en valor dos castiñeiros familiares.
[Febreiro, 2019]